Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local aproba inicialmente a modificación da ordenanza de venda ambulante

  • A proposta saíu adiante no pleno deste luns cos votos a favor de BNG e PSOE, mentres que o PP se abstivo
  • Esta normativa substitúe á anterior de 2005, que xa estaba obsoleta, para actualiza e permitir as transmisións, así como regular a venda de excedentes do campo
  • O pleno tamén debateu outras mocións como a da rampa de Pescadoira, a da escola infantil ou a da xestión da crise dos granulados

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 15 de xaneiro, a primeira sesión plenaria ordinaria do ano 2024, e nela aprobáronse varias mocións e propostas. O goberno local, conformado por BNG e PSOE, deulle luz verde á aprobación inicial da modificación da ordenanza de venda ambulante, unha normativa que substitúe a anterior de 2005 e que a adapta á lexislación actual. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou na súa intervención que “a proposta foise consensuando coa Asociación de Vendedores Ambulantes, e regula cuestións que nos viñan demandando dende hai tempo, como as transmisións ou a regulación da venda de excedentes do campo”. A proposta contou coa abstención do grupo popular porque, segundo a súa voceira, Elena Estévez, “preferimos agardar ao período de alegacións e despois valorala”.

Non foi este o primeiro tema, senón o da modificación da aprobación definitiva do estudo de detalle incoado de oficio no lugar de Fonte Alta, na parroquia de Cela. Segundo explicou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, “xa se aprobara noutro pleno pero agora faise necesario modificar o nomeamento dos documentos, polo que é unha cuestión puramente formal”. Sen máis debate, o asunto aprobouse por unanimidade.

Tamén houbo unanimidade na moción presentada polo PP para a actuación urxente na rampa de Pescadoira, unha petición que dende o Club do Mar Bueu Simei e o Concello de Bueu levan anos demandando para que actúen os dous organismos competentes no espazo, que son Portos de Galicia e Costas do Estado. Elena Estévez, voceira popular, salientou que “é unha petición xa vella e que todos coñecemos, polo que o que pedimos e que se leve a cabo esta actuación xa”. Iso si, Estévez remarcou que “esta moción non impide que se poida estudar máis adiante unha rexeneración completa e necesaria deste espazo”. Por parte do BNG interveu Xosé Leal quen apuntou que “o Concello mantivo varias reunións tanto coa anterior presidenta de Portos como co actual, e cos representantes de Costas, para demandar unha solución, polo que esperamos que dunha vez por todas entendan esta necesidade”.

Dende o bipartito BNG e PSOE presentouse unha moción conxunta para reclamar ao Consorcio de Igualdade e Benestar o arranxo e financiamento total da escola infantil. Xosé Leal explicou que a escola infantil “foi unha obra mal executada dende o comezo, o que causa constantes problemas, polo que no Concello levamos moitos anos demandando unha actuación integral para solucionar as deficiencias que condicionan o mantemento diario”. Leal fixo fincapé en que “é o momento de que cambien as regras de xogo, e que o Consorcio cumpra coas familias e co pobo de Bueu”. Neste sentido, a moción solicita ao Consorcio de Igualdade e Benestar o cambio de sistema de financiamento no funcionamento da Escola Infantil, optando o Concello de Bueu polo pagamento do custo total por praza; así mesmo, demándase que a Xunta modifique a Lei de financiamento das Escolas Infantís para que asuma a totalidade dos custos tal como recolle a normativa estatal; e tamén se insta a que o organismo autonómico asuma as melloras necesarias na instalación da Escola Infantil en base ao informe remitido polo goberno municipal, no cal quedan acreditadas as deficiencias e a necesidade dunha reforma integral.

Elena Estévez, voceira do PP, recriminoulle ao goberno local que se “se mesturen dúas cousas totalmente diferentes: o financiamento e as obras de mantemento”, e botoulle en cara ao executivo que “no 2018 puido decidir se estar fóra ou dentro do Consorcio e quedou dentro”. Pola súa banda Celso Dopazo, do grupo do PSOE e concelleiro de mantemento dos colexios, apuntou que “o que non podemos é ter a brigada de obras municipal dous meses na escola infantil, e por iso demandamos que a Xunta actúe en base ás súas competencias”. O debate pechouno o alcalde Félix Juncal, quen lembrou as continuas conversas co xerente do Consorcio, o cal este verán se comprometera a enviar unha unidade técnica e a elaborar unha proposta de actuación, sen que ata o momento se fixese nada. Tras o debate, a proposta saíu adiante coa votos a favor dos grupos do goberno, BNG e PSOE, e a abstención do PP.

E, por último, o PSOE presentou por urxencia unha moción para reclamar á Xunta de Galicia o máximo esforzo na loita contra a contaminación da costa galega provocada pola chegada de granulados plásticos, e na que denuncia a mala xestión do organismo autonómico ata o momento. A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE, e en contra do PP, que a acusou de ser partidista e que “parece unha broma de mal gusto”.

O pleno pode verse completo na canle de YouTube municipal do Concello de Bueu.