Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recoñece ás veciñas Antía Docampo e María Otero polos éxitos do Campionato Galego de Tiro con Arco

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres, 12 de xaneiro, un novo recibimento oficial, neste caso ás veciñas Antía Docampo Otero e María Otero Lorenzo, integrantes do Club Boa Vila e gañadoras do Campionato de Galicia de tiro con arco, celebrado hai dúas fins de semana en O Barco de Valdeorras, e que encaran en febreiro o seu camiño cara o campionato estatal que será proximamente en Jaén.

Félix Juncal, alcalde da vila, salientou o esforzo das dúas deportistas conseguindo que “se visibilice un deporte minoritario e que non se ve na sociedade, pero que a partir delas será máis coñecido”. Así mesmo, o rexedor fixo fincapé na importancia do “esforzo das persoas que escolledes o deporte como forma de vida, e tamén das vosas familias e dos clubs que vos acompañan”.

No acto tamén participaron concelleiros e concelleiras da corporación municipal, familiares das dúas homenaxeadas, o presidente do Club Boa Vila e o da Federación Galega de Tiro con Arco. Dende o Concello entregóuselle a cada deportista unha placa personalizada de madeira elaborada para a ocasión e como lembranza deste día.

Antía Docampo Otero compite na categoría júnior e alzouse co primeiro premio no campionato. Docampo comezou a competir no 2017 e no Campionato de Galicia estreouse como xuíz, unha vez rematada a súa formación como xuíz nacional de nivel 1 da Real Federación Española de Tiro con Arco.

A outra galardoada é María Otero Lorenzo, de 15 anos de idade. Esta moza compite na categoría cadete e conseguiu o título apenas dous anos despois de empezar a practicar este deporte.