Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo das subvencións culturais e resolve as concesións das deportivas

  • O Concello repartirá en total 60.000 euros entre asociacións culturais e escolas de música
  • As solicitudes deberán presentarse ata o 2 de novembro a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu

O Concello de Bueu abre o prazo para a solicitude das subvencións destinadas a promover e fomentar actividades culturais e escolas de música dos anos 2020 e 2021, e tamén resolveu as axudas deportivas.

En canto ás subvencións culturais, o prazo de presentación esténdese ata o 2 de novembro, e en total o Concello investirá 60.000 euros (50.000 euros para actividades e 10.000 euros para gastos de funcionamento). As solicitudes deberán presentarse unicamente a través da Sede Electrónica do Concello de Bueu, acompañadas da documentación requirida e que se detallan nas bases, as cales se poden consultar na sección “Axudas e subvencións” da páxina web municipal (https://concellodebueu.gal/axudas-e-subvencions/).

Tal e como se estipula nas bases, haberá dúas liñas de axudas: unha para actividades culturais e outra para o funcionamento das escolas de música. Poderán solicitalas as persoas xurídicas que se atopen inscritas no rexistro de asociacións ou estean en trámites, carecer de fins de lucro, ter o domicilio social e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial de Bueu, realizar actividades de interese cultural no ámbito do municipio, e representar estes o principal eido da asociación, non estar incurso en ningún dos supostos de incapacidade ou incompatibilidade para percibir axudas públicas, estar ao corrente das obrigas tributarias, cumprir os requisitos da Lei de Subvencións.

Para a concesión das axudas ás entidades culturais teranse en conta criterios como o impacto e alcance das actividades, o fomento da igualdade entre homes e mulleres, a promoción da lingua galega, a duración do programa e as edicións do mesmo. Para as escolas de música, valorarase o número de alumnado matriculado nos cursos 2019/2020 e no 2020/2021, o número de docentes, o orzamento da escola de música, e o ámbito de participación do alumnado en eventos.

Concesión das subvencións deportivas

Ademais das culturais, o Concello resolveu a pasada semana as axudas a entidades e clubs deportivos nas anualidades de 2020 e 2021, nas que había dúas liñas: unha para as actividades desenvoltas polas entidades deportivas, e outra para gastos de desprazamento. Na ano 2020, na primeira liña o Bueu Atlético Balonmán recibe 7.870,33 €, a Escola de Fútbol Base de Beluso, 1.172,89 €, a Agrupación Deportiva F.S Bueu, 4.241,55 €, o Club SSIU, 4.145,81 €, o Club Deportivo Bueu, 5.021,88 €, o Club do Mar de Bueu, 5.155,93 €, a Cultural Deportiva de Beluso, 3.202,71 €, o Club Corredoiras, 962,25 €, o Clube de Loita do Morrazo, 1.397,89 e o Clb de xadrez, 1.828,75; e na segunda liña soamente recibirán axuda o Bueu Atlético Balonmán, cun importe de 3.571,43 €, e o Club do Mar Bueu, con 1.428,57 €.

Xa na anualidade do 2021, o Bueu Atlético Balonmán recibirá, na primeira liña, 6.842,73 €, a Escola Fútbol Base de Beluso, 1.196,62 €, o Club Buceo Ons, 2.530 €, a Agrupación Deportiva Fútbol Sala de Bueu, 4.327,38 €, o Club SSIU, 1.626,43 €, o Club Galaicas, 385,85 €, o Club Deportivo Bueu, 5.123,50 €, o Club do Mar de Bueu, 6.241,98 €, a Cultural Deportiva Beluso, 3.267,51 €, o Club Corredoiras, 801 €, o Club de Loita do Morrazo, 2.280,91 €, e o Club de Xadrez, 376,08 €; e na segunda, o Bueu Atlético Balonmán recibirá 3.125 €, e o Club do Mar, 1.875 €.