Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A activista salvadoreña Verónica Salazar «Bea» visitou este martes o Concello de Bueu

  • A visita organizouse no marco dunha xira da Deputación no proxecto “Defensoras dos dereitos” e incluíu un encontro con escolares, unha reunión con membros do goberno local e un coloquio co público en xeral
  • A experiencia de Bea pode coñecerse mellor no libro “Á procura da luz” que escribiu Lara Dopazo Ruibal, e que conta coas ilustracións de Marta Conde e Rotminas

A activista salvadoreña Verónica Salazar, coñecida como ‘Bea’, estivo este martes na vila de Bueu para falar da súa experiencia como defensora dos Dereitos Humanos no seu país. No marco dunha xira de encontros pola provincia de Pontevedra grazas ao proxecto “Defensoras dos dereitos”, impulsado pola Coordinadora Galega de ONG, Agareso e a Deputación de Pontevedra, Bea visitou pola mañá a Casa do Concello de Bueu, onde foi recibida por Félix Juncal, alcalde da vila, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, e Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, aos que explicou o seu traballo a prol da protección dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e as nenas e na defensa da cultura da paz. Previamente participou nun encontro con escolares de secundaria da vila.

A visita de Verónica Salazar enmárcase dentro dos esforzos que están facendo as ONGD galegas por dar a coñecer a realidade que viven as mulleres defensoras de dereitos humanos nos distintos países nos que traballan. En moitos deles, as organizacións da sociedade civil e as súas lideresas están a ser cada vez máis perseguidas e sufrindo ameazas. No caso das mulleres activistas a situación é peor que a dos seus compañeiros homes, pois enfrontan, ademais da persecución, outras agresións pola súa condición de mulleres como a violencia e abusos sexuais.

Pola tarde, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acolleu un encontro aberto ao público, organizado co apoio da Libraría Miranda, no que a propia Bea falou da súa experiencia traballando para organizacións feministas en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e violencia contra as mulleres, e tamén na defensa do dereito ao aborto, labores que se poden coñecer mellor no libro “Á procura da luz”, que forma parte da colección “Defensoras dos dereitos” que escribiu Lara Dopazo Ruibal, e que conta coas ilustracións de Marta Conde e Rotminas. Por desgraza, O Salvador é un dos países máis complicados no que ten que ver ca violencia exercida contra as mulleres e ademais conta cunha das leis contra o dereito ao aborto máis restritivas do mundo, por iso o traballo de Bea é tan valioso. No Salvador o aborto en todas as súas modalidades está penalizado desde 1998, co que se castiga ás mulleres con ata 50 anos de prisión e 12 ao persoal sanitario con todo o que isto supón sobre a vida das mulleres e particularmente das mulleres máis pobres.

Encontro co público na Sala Multiusos do Centro Social do Mar