Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello Convida á xente a gozar na rúa do verán de xeito seguro con música, artes escénicas e cinema

O goberno local lanza o programa de actividades culturais Convida-20 que ofertará os luns, martes e mércores de xullo e agosto música, teatro, maxia e cinema en diferentes puntos da vila para públicos diversos e con medidas de acceso e desinfección para que sexan eventos seguros.

Cunhas medidas de hixine, desinfección e control de aforo que farán que as actividades se desenvolvan con cadeiras perfectamente separadas e limpas, ademais de contar con control de aforo nos accesos aos espazos, o departamento de Cultura quere que a cidadanía teña un ano máis un verán cheo de actividades do máis variado que este ano van supoñer un esforzo económico maior por mor das medidas exixidas pola Xunta de Galiza para os espectáculos en lugares públicos, contando co financiamento ademais de con fondos propios da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

A gran novidade deste ano é que a música en directo chegara a diferentes prazas da vila os luns. Precisamente a primeira das citas será este luns día 6 co rap combativo de Son da Rúa, que presentarán na praza Massó desde ás 22:00 horas o seu recente traballo Eterno Combate, o seu primeiro disco de longa duración tras o lanzamento do EP Liberando mentes (2018). O grupo, formado por Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces e That Bass como DJ, plasma neste novo traballo o seu estilo, que sempre bebe da ironía, da musicalidade e a tradición oral popular galega, pero combinándoo co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política.

O martes será o turno do teatro que na primeira semana será tamén na praza Massó co espectáculo de Baobab Teatro «Contos para un caldiño» a partires das 21:00 horas. Trátase dun espectáculo familiar pensado a partires dos 3 anos que convida ao público a escoitar e a deixarse levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan, así, un chapeu que non é un chapeu, unha tesoira non é unha tesoira.

https://www.baobabteatro.com/gl/contos-para-un-caldiño

Os mércores o cinema terá unha cita obrigada na praza Massó desde ás 22:30 horas en xullo e media horiña antes en agosto. A primeira das películas vai ser Paddington 2 que o mércores 8 contará a historia dun oso do máis peculiar, nunha cinta de 2018 que recibiu moitas nominacións pola súa excelente calidade.

O programa completo vai continúar o 13 de xullo co cinema de La Tortuga Roja e Rilo e Penadique contarán e cantarán as súas historias no entorno do estaleiro da Banda do Río o 14; o día 20 a música de Sheila Patricia e a maxia de Dani García con Don Gelati o día 21 terán lugar no parque do Ramal dos Galos, o cinema con El corcel negro será o 22 na praza Massó; e para pechar o mes á música con The tetas van será protagonista na Banda do Río o día 27, o teatro de Fran Rei con A historia de Brancaflor o 28 e o 29 o cinema con La oveja Shaun 2 pecharán na praza Massó a programación de xullo no Convida20.

En agosto o luns 3 actuará Juyma Estévez Trio, o 4 será o clown de Assircopatas con Rogelio e o 5 o cinema de El secreto de la pirámide na praza Massó todos os eventos; o luns 10 e o martes 11 a música de The Manueles e o teatro con Circo Chosco co seu Riscando o Ceo terán lugar no parque Novas de Beluso mentres que o 12 na praza Massó proxectarase Ernest & Celestine; o 17 de agosto Tino Baz estará no parque do Ramal dos Galos e o 18 Fran Rei repite na vila esta vez con Superheroe e pecha a semana o cinema con Los goonies o 19 en Massó; a última semana en Cela será o turno da música don Alvariza; Bandullo Azul co seu flipa cos contos será o 25 e remata o programa o mércores 26 de agosto con O neno e o mundo na praza Massó.