Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello consegue a Bandeira Azul para catro praias, as aulas de Cabo Udra e Agrelo e o Sendeiro de Udra

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) vén de anunciar as bandeiras azuis para os areais de España durante este verán. Así, o Concello de Bueu mantén as catro bandeiras azuis nas praias de Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán, nas que se valoraron a calidade das augas, a información e educación ambiental, a seguridade, os servizos e as instalacións. Ademais, a vila morracense consegue o distintivo azul para o sendeiro de Cabo Udra e a Aula da Natureza deste espazo, así como para o Centro de Interpretación de Agrelo, inaugurado a finais de 2015 tras ser rehabilitado polo goberno municipal.

O municipio bueués recolle un ano máis os froitos das diversas obras e xestións que se levan realizando para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento do patrimonio natural. Neste senso, Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, móstranse satisfeitos “por lograr un ano máis revalidar estes distintivos que confirman a boa saúde dos nosos areais”. Así e todo, dende o goberno local traballan coa vista posta no mantemento dos servizos, e “agardamos poder contratar pronto o persoal de socorrismo, aínda que imos xustos con respecto aos prazos, ao non ter constancia da concesión da subvención da Xunta”.

Dende o Concello de Bueu teñen moi en conta a situación actual, motivada pola crise da Covid.-19, polo que se apela á responsabilidade cidadá e ao respecto das medidas de seguridade e hixiene. Así, aínda que o Concello non vai restrinxir o acceso ás praias, si se realizará un seguimento e observación permanente para evitar a sobrecarga das mesmas