Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comezará as obras de mellora da senda do río Bispo nas próximas semanas

  • O alcalde visitou este xoves o percorrido das obras, que consisten na posta en valor do camiño ata o lugar de A Portela, e que serán acometidas pola empresa EC Casas con cargo ao Plan Concellos 2020

Félix Juncal, alcalde de Bueu, realizou este xoves unha visita xunto á empresa adxudicataria á senda do río Bispo, concretamente entre o lavadoiro da Portela e o Valado. A ampliación desta ruta comezará nas próximas semanas por parte  da empresa EC Casas, e permitirá a mellora dun percorrido con moito valor cultural, patrimonial e etnográfico. Tal e como apunta o rexedor e encargado da área de obras e servizos, “esta actuación, que se levará a cabo no marco das subvencións do Plan Concellos 2020, é un proxecto de grande interese para a cidadanía e do que xa comprometeramos a súa execución nunha reunión coa veciñanza a comezos do verán”.

A mellora da senda rural do río Bispo vai ser unha das actuacións prioritarias do goberno na zona do Valado, e permitirá acondicionar máis dun quilómetro de camiño ata o lavadoiro da Portela, dando continuidade así ao tramo urbano que se preparou hai uns anos. Cun orzamento de 39.898,10 €, a obra incluirá traballos de limpeza e preparación do camiño con xabre, e a colocación de paneis interpretativos e báculos de distancias. Como apuntou Juncal, “o obxectivo é revalorizar este espazo que se utilizaba como punto de reunión cando se lavaba a roupa e se mazaba o liño”.

O río Bispo é a principal arteria fluvial de máis longo percorrido, e con moita transcendencia por diversos lugares da vila, como mostra a súa variada toponimia: río Frade, Canudo, Portela… Ao longo do seu trazado, aparece unha numerosa cantidade de elementos patrimoniais como muíños, fontes e lavadoiros, que mostran a riqueza e produtividade dun territorio sabiamente explotado pola sociedade tradicional da que formaban parte os devanceiros.