Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza as obras de construcción dunha pasarela no Pavillón Municipal Pablo Herbello

  • A actuación, coa que se mellorará a accesibilidade a esta infraestrutura, conta con subvencións da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra
  • Segundo avanza Ricardo Verde, edil de deportes, nos próximos días tamén se reparará a parte da cuberta do pavillón por onde se filtra a auga.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro de deportes, visitaron as obras de construción dunha pasarela no Pavillón Municipal Pablo Herbello que comezaron esta semana. A actuación, que conta cunha subvención da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia e dos remanentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, foi adxudicada á empresa Aluminios Os de Casas, por un importe de 20.416,33 €, IVE engadido.

A actuación consistirá na colocación dunha pasarela dende a intersección de Staffan Mörling e a rúa A Pedra e vai ter un tramo exterior e outro interior. Segundo o proxecto, a pasarela exterior abarcaría unha superficie de 35 metros cadrados, e a interior, 29,4 metros cadrados, das cales a empresa xa instalou unha boa parte.

A pasarela será metálica e colocarase en voladizo e anclada á estrutura vertical da nave existente, repartida en dúas metades. Así, a parte exterior vai inclinada desde a rasante da rúa de A Pedra ata as gradas superiores, e a parte interior discorrerá horizontalmente desde o centro da nave ata o graderío. Tal e como salientou o edil de deportes, “o Concello segue priorizando cada ano os investimentos nas infraestruturas públicas, tanto na mellora das instalacións existentes como na obtención doutras novas”. Por iso, ademais desta pasarela, nos próximos días procederase a reparar a zona da cuberta onde existen goteiras, aínda que, como salientan desde o goberno local, xa se está traballando na redacción dun proxecto para renovación parcial da cuberta.

Así mesmo, tamén se estudará a instalación de aseos na planta alta do edificio, para que as persoas con mobilidade reducida non teñan que baixar ao primeiro andar.

Últimas obras no pavillónA actuación da pasarela súmase ás outras que o goberno local acometeu no Pavillón Municipal Pablo Herbello nos últimos anos. Así, por exemplo, mellorouse a instalación de auga quente e fría nos seus vestiarios, elimináronse as filtracións no interior do pavillón, construíuse un almacén, instalouse unha caldeira de pellets que permitiu un aforro enerxético de preto do 40%, colocáronse novos asentos no graderío, e substituíronse as luminarias por outras de tipo LED, co que se aumentou a capacidade lumínica do espazo ao tempo que se experimentou unha redución no consumo eléctrico.