Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza a próxima semana as clases de Pilates

O Concello de Bueu inicia a próxima semana as clases de Pilates, que se suman ás de ximnasia para adultos e para persoas con discapacidade e mobilidade reducida. Desde o departamento que dirixe Ricardo Verde salientan que tamén nas próximas semanas se poñerán en marcha as clases de prenatal, matroximnasia e psicomotricidade.

As clases de Pilates terán lugar en diversos horarios e espazos: os martes e xoves, no Pavillón Municipal Pablo Herbello desenvolveranse tres grupos entre as 10.00 e as 13.00 h; e os mércores e venres, terán lugar no IES Illa de Ons entre as 16.00 h e as 20.00 h, catro grupos.

O programa ‘Bueu Saudable’ púxose en marcha no 2008 por parte da concellaría de deportes coa finalidade de garantir a adquisición e a mellora de hábitos de vida saudables, entre toda a poboación, cunha especial atención ás persoas maiores e ás mulleres embarazadas. Por este motivo, as actividades teñen lugar en espazos tanto do centro urbano como das parroquias, concretamente no Pavillón Municipal Pablo Herbello, no Pavillón de Beluso, no 2º andar do Centro Social do Mar, no IES Illa de Ons, na Casa da Aldea de Meiro, no CEIP A Torre de Cela e no CEIP A Pedra de Bueu.

Todos os horarios e normas das actividades poden consultarse na área de deportes desta web.