Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre a Biblioteca Torrente Ballester para préstamos e devolucións a partir do luns

  • As bibliotecas das parroquias de Cela e Beluso disporán soamente de atención telefónica polo de agora

O Concello de Bueu abrirá a partir do luns 11 de maio a Biblioteca Torrente Ballester para préstamos e devolucións de libros. Así se acordou tras a reunión que mantivo este venres Xosé Leal, concelleiro de cultura, co persoal das bibliotecas municipais. A biblioteca central estará aberta en horario de 9.00 a 14.00 h, previa petición de cita a través do teléfono 986323140. Seguindo os protocolos, desinfectaranse todos os libros, DVDs e todo o material, e infórmase á cidadanía de que deberá cumprir en todo momento coas medidas de seguridade e hixiene.

A aula de estudo non abrirá nesta primeira fase, e as bibliotecas das parroquias terán atención telefónica soamente. O persoal encargado das mesmas, que realizará neste tempo labores internas de catalogación, atenderá á cidadanía por vía telefónica  para calquera consulta no seguinte horario: en Cela, entre as 16.30 e as 20.00 h no teléfono 986323539; e en Beluso, entre as 10.00 e as 13.45 no 986324630.

A cidadanía poderá, ademais, facer as consultas do material bibliográfico e do catálogo na plataforma en liña da Rede de Bibliotecas de Galicia, amais de solicitar préstamos de libros electrónicos, filmes etc, en GaliciaLe.