Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Comité de Seguimento da Covid-19 reuniuse de novo esta tarde para concretar novas medidas

  • Á agarda dunha nova xuntanza coa Consellería o luns 21 de decembro, o Concello pecha as instalacións públicas municipais

O Comité de Seguimento e Avaliación da Covid-19 do Concello de Bueu, conformado polo alcalde, os concelleiros e concelleiras do goberno e o xefe da policía local, reuniuse novamente este mércores pola tarde co fin de analizar a situación e as medidas concretas a implementar a nivel local, que seguen ás xa anunciadas pola Xunta de Galicia para os casos de alerta máxima, e que se explicaron no comunicado publicado ao mediodía.

Así, ademais do xa anunciado con anterioridade, o Concello pechará as instalacións públicas municipais, que non se poderán empregar para ningunha actividade. A excepción son os pavillóns deportivos, dos que poderán facer uso soamente os clubs e persoas que compitan en deporte federado, tal e como indica a normativa autonómica.  En canto ao mercado ambulante, que se celebra todos os luns e xoves, o Concello decidiu mantelo dado que o permite a normativa vixente e se ampliou o espazo do mesmo para garantir a separación entre os postos.

Estas medidas estarán en vigor entre este xoves, ás 00.00 h, e o luns, cando se manterá unha nova reunión entre o alcalde de Bueu e os responsables da Consellaría de Sanidade para avaliar a evolución dos contaxios e estudar se se amplían ou non as restricións.

O goberno local volve reiterar que “é preciso que manteñamos a tranquilidade e a serenidade, e que interioricemos cal é a nosa nova normalidade”, ademais de chamar a unha actitude “dun pobo cohesionado e unido”.  Así mesmo, insístese en que a cidadanía manteña as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias, como son o uso obrigatorio da máscara, o mantemento da distancia interpersoal, o lavado continuado de mans e a utilización de xel hidroalcólico. 

Co fin de garantir o cumprimento das medidas, o goberno xa deu indicacións á Policía Local para que incremente a vixilancia e control, sobre para evitar as aglomeracións de persoas en certos espazos.

Para todas as dúbidas que teñades, deixamos o documento da Xunta de Galicia cun resumo das medidas en nivel máximo de alerta: