O Comando da Igualdade visita ao alumnado de Bueu
O Comando Igualdade dirixido pola filósofa Chis Oliveira visitou este xoves o IES Johán Carballeira de Bueu para reflexionar e conversar sobre temas que afectan á mocidade desde unha perspectiva de xénero nunha actividade organizada polo Centro de Información ás Mulleres municipal. Este grupo, que naceu do alumnado do Instituto Alexandre Bóveda de Vigo, está conformado por dezanove rapazas e rapaces de diversas idades, identidades, orientacións sexuais e traxectorias vitais, e visita outras aulas para falar de estereotipos, machismo, sexualidade ou diversidade.
As sesións desenvolvéronse no salón de actos do IES Johán Carballeira: unha ás 10 h na que estiveron presentes dous grupos de 4º ESO do mesmo instituto, e outra ás 12 h na que os protagonistas foron os alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO do CPR Virxe Milagrosa.
Nas intervencións explicáronse conceptos básicos do feminismo pero tamén se compartiron vivencias dos rapaces e das rapazas, co obxectivo de concienciar e sensibilizar dun problema que nos golpea a todas e todos, aprendendo a usar as gafas violetas que permitan desaprender as desigualdades e construír alternativas inclusivas máis xustas.