Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde visita as obras de instalación da rede semafórica en Loureiro

  • A actuación, promovida pola Xunta de Galicia, conta cun orzamento de arredor de 47.000 euros e permitirá mellorar a seguridade neste espazo

Félix Juncal, alcalde de Bueu, acompañou este martes ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, e ao xefe territorial de infraestruturas e mobilidade, José Luis Díez, na visita ás obras de mellora da seguridade viaria na PO-551, concretamente xunto ao paso de peóns en Loureiro. Na visita tamén estiveron presentes técnicos autonómicos, persoal da empresa adxudicataria e concelleiras e concelleiros da corporación.

Nesa zona, a Xunta de Galicia vai instalar dúas redes semafóricas, así como ampliar as beirarrúas nas entradas e saídas dos pasos de peóns, co obxectivo de mellorar a visibilidade dos vehículos e, polo tanto, a seguridade das persoas que diariamente transitan a pé por este espazo. Félix Juncal mostrou o seu agradecemento ao ente autonómico porque “esta actuación vai permitir mellorar unha situación nun lugar moi sensible, sobre todo na tempada estival”, e aludiu a que “as administracións debemos destinar recursos para que os espazos públicos de tránsito de persoas estean cada vez en mellores condicións”. Esta obra foi insistentemente reclamada polo goberno local, sobre todo a raíz do atropelo mortal producido hai dous anos.

Pola súa banda, o delegado explicou que as obras contan cun orzamento de 47.000 euros e que se acometerán en aproximadamente un mes. Cores Tourís detallou que esta actuación se segregou do proxecto do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) dada a urxencia da mesma.