Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde visita as obras de mellora na rúa A Pedra

  • A rúa permanecerá pechada ao tráfico ata o venres para a conexión dos distintos servizos que van por debaixo do pavimento
  • A actuación foi adxudicada por un importe de 289.902,86 euros a COVSA, no marco do Plan Depo-Remse da Deputación de Pontevedra

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou esta mañá as obras de mellora integral que se están levando a cabo na rúa A Pedra, xunto ao arquitecto técnico municipal e os responsables da empresa adxudicataria. A partir deste martes e ata o venres acometerase unha das fases máis sensibles do proxecto: a conexión dos distintos servizos que se atopan baixo o pavimento, como a rede de fecais e pluviais, e as redes de luz. Por este motivo, a rúa permanecerá pechada ao tráfico rodado ata o venres, e só se permitirá a circulación de autobuses e coches durante a entrada e saída dos centros educativos, incluído o horario de comedor do CEIP A Pedra.

Segundo lle comunicou a empresa ao rexedor, o obxectivo é que as obras de reurbanización e pavimentación desta rúa estean culminadas antes do remate do presente ano. Con ela mellorarase o acceso e a circulación de persoas con mobilidade reducida e auméntanse os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas e implementando a sinalización tanto horizontal como vertical. Así mesmo, está contemplada a creación de dúas áreas de aparcadoiro que permitirán o estacionamento de máis de cen vehículos.

As obras foron adxudicadas por un importe de 289.902,86 euros, IVE engadido, a Construcciones Obras y Viales SA e realízanse con cargo ao Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo-Remse) da Deputación de Pontevedra.

Esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.