Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde, poeta e xornalista Johan Carballeira será lembrado no 86º aniversario do seu fusilamento

  • Os actos, organizados polo Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira, celebraranse o 14 e 16 de abril e inclúen a proxección dun documental e a tradicional ofrenda floral

Coincidindo coa celebración do 86º aniversario do fusilamento de Johan Carballeira, o Concello de Bueu e a Asociación de Amigos de Johan Carballeira organizan un programa de actos de homenaxe que que se desenvolverán o 14 e o 16 de abril, e cos que se pretende seguir afondando na recuperación da memoria histórica e, nomeadamente, de Johan Carballeira, quen fora alcalde de Bueu, poeta e xornalista.

Os actos comezarán o venres ás 20 horas no Centro Social do Mar coa proxección do documental Acorda, que foi elaborado polo departamento provincial de Memoria Histórica e tamén producido pola Deputación de Pontevedra, co que se pretende poñer en valor lugares e feitos de memoria na provincia a través da música. Este audiovisual, que se programa en Bueu de balde grazas ao apoio da institución provincial, é unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións, segundo se explica na sinopse. No proxecto participan voces moi diversas e reivindicativas do panorama musical galego actual: Tanxugueiras, Eladio Santos, Emilio Rúa, Silvia Penide, Ugia Pedreira, Sheila Patricia —bisneta dunha das madriñas de San Simón, mulleres que levaban alimento aos presos na illa—, Ezetaerre, Su Garrido Pombo e a propia Uxía. Ademais, o documental reúne un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez ou Eduardo R. Cunha Tatán, entre outros, xunto a testemuñas reais.  En palabras de Uxía, Acorda pretende ser tamén un exemplo de resistencia e dignidade, unha homenaxe ás vítimas que perderon a vida na loita pola democracia e a liberdade, e que merecen esta visibilidade. Entre os espazos escollidos para a grabación da peza atopamos a Antiga Escola Normal de Pontevedra, a ponte Regueiro n’ A Estrada, ou a Praia de Massó en Cangas. Dado o seu interese e orixinalidade, despois da proxección tamén terá lugar un coloquio co público asistente.

O domingo ás 12.00 horas celebrarase a habitual ofrenda floral xunto ao monumento dedicado a Carballeira e que se sitúa na entrada da praia da Banda do Río. Alí, as persoas asistentes lembrarán a este home, que foi alcalde de Bueu antes do golpe de estado do 1936, amais de poeta e xornalista sempre a favor das causas xustas. O acto contará coas intervencións do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, de Enriqueta Molas, presidenta de Memoria Histórica Marín, e de Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu. No monumento depositarase un ramo de flores que lembra o seu fusilamento acontecido o 17 de abril de 1937 no monte da Caeira, en Poio, despois de pasar varios meses no lazareto de San Simón. O acto culminará coa interpretación musical da violinista Lía Vilas.

Premios Johan Carballeira

Por outra banda, a concellaría de cultura dará a coñecer entre finais deste mes e comezos de maio os traballos gañadores dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, decisión que será adoptada tras a reunión de dous xurados conformados por persoas profesionais do mundo poético e xornalístico.