Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu reunirase coa veciñanza de Meiro para explicar o proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada EP -1306

  • O encontro terá lugar este xoves, 2 de febreiro, ás 19 horas na Casa da Aldea de Meiro
  • A actuación permitirá a construción dunha senda peonil de 2,5 metros de largura coa que se mellorará a seguranza viaria

Félix Juncal, alcalde de Bueu, manterá este xoves, 2 de febreiro, unha reunión coa veciñanza do lugar de Meiro para explicar os avances na tramitación do proxecto de mellora da seguranza viaria na estrada EP-1306 que conecta A Portela con Ermelo. A xuntanza será ás sete da tarde na Casa da Aldea do lugar, e o rexedor dará conta dos últimos trámites que levou a cabo o consistorio para mellorar a seguranza viaria nesta estrada provincial sobre a que se solicitou a transferencia.

O vial provincial de Meiro converterase nunha estrada con senda peonil co fin de reducir a velocidade nun tramo de algo máis dun quilómetro. A idea é realizar unha actuación no primeiro tramo do vial, onde se concentra o maior núcleo poboacional, e que consistirá na construción dunha plataforma única para peóns e vehículos con pavimentos diferenciados. Así, acometeríase o arranxo da estrada, á que se engadiría unha senda peonil de 2,5 metros de largura coa que se pretende reducir a velocidade, nunha franxa de 1,2 quilómetros, dende a intersección do vial de Meiro coa PO-551 ata as inmediacións da Casa da Aldea.

O goberno local cualifica esta actuación como “prioritaria”, pois pretende mellorar a seguranza viaria, a accesibilidade das persoas, así como apostar por materiais tecnicamente máis amables e respectuosos co medio ambiente.