Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu coñece un proxecto de investigación patrimonial do CEIP A Torre de Cela

  • Un grupo de rapaces e rapazas do centro traballaron arredor do patrimonio material da parroquia de Cela

O Auditorio do Centro do Mar converteuse este xoves nunha mesa de traballo na que unha vintena de rapaces e rapazas de 5º de primaria do colexio bueués de A Torre de Cela presentaron un proxecto de investigación cooperativo sobre o patrimonio desta parroquia.

Neste acto, no que estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal, e as concelleiras de educación e sanidade, Teresa López, e de turismo e promoción económica, Silvia Carballo, o alumnado explicou a forma de traballo desta iniciativa na que levaron a cabo un recoñecemento do patrimonio material tradicional: muíños, hórreos, lavadoiros e cruceiros.  De cada un deles, e tal e como consta no escrito presentado no Concello, estudaron as súas funcións históricas, estrutura, materiais de construción, curiosidades,  un traballo que localizaron no mapa de Cela tanto en formato dixital como en papel cunha ficha identificativa.

O alcalde mostrou a “satisfacción porque dende unha idade tan nova teñades sensibilidade para coñecer e manter a nosa tradición e patrimonio”. De feito, os rapaces e rapazas clasificaron os elementos con diversas cores: en verde os ben conservados, en amarelo os que están en estado de conservación irregular, e en vermello os deteriorados.

Deste traballo, a rapazada tirou unha serie de conclusións, como que é necesario conservar o patrimonio para coñecer a nosa historia e cultura máis próxima, así como que o Concello invista na restauración destes elementos patrimoniais.

Ao remate, o alcalde entregou a cada un dos e das participantes unha mochila e unha chapa co logo do servizo de voluntariado municipal, “para que continuedes valorando o necesarios que son os estudos en favor da comunidade”.

Mapa patrimonio de Cela

Elementos analizados

Presentación proxecto patrimonial CEIP A Torre Cela