Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Comezan as obras de pavimentación no Camiño da Costiña

Asfaltado Camiño da Costiña

  • O vial estase arranxando con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra e a empresa adxudicataria é Marconsa

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Fidel Castro, concelleiro de obras e servizos, visitaron este mércores as obras de pavimentación que arrancaron no Camiño da Costiña, na parroquia bueuesa de Cela. A actuación, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, estase levando a cabo pola empresa Marconsa, cuxo contrato de adxudicación é de 36.451,53.-€.

As primeiras actuacións incluíron a limpeza, varrido e escavación durante un tramo de 600 metros de longo entre os lugares de A Costiña e  Fontealta, que se vai asfaltar e completar con cunetas para recoller a auga e sobreanchos.

Este asfaltado forma parte do proxecto de pavimentación de camiños municipais, dos que xa se remataron o de Meiro e rúa Ramal dos Galos, e están en fase de adxudicación os de Sar e Vilar (Beluso).

Mellora das praias

Con motivo da inminente chegada da tempada estival, o Concello está levando a cabo diversas actuacións de posta a punto dos servizos e instalacións das praias, sobre todo das de Bandeira Azul. Así, hoxe comezaron a arranxar as casetas e torres de vixía dos socorristas e as pasarelas en Portomaior. Neste areal tamén se vai levar a cabo a substitución dos aparatos do parque infantil que se retiraron debido a que se atopaban en mal estado, co que se poñía en risco a seguridade dos usuarios e usuarias.

Visita á praia de Portomaior, onde se realizarán diversas melloras
Visita á praia de Portomaior, onde se realizarán diversas melloras