Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O 6º Cross Cabo Udra celébrase este domingo con máis de 800 participantes en dez categorías

  • O evento combinará o deporte, coa saúde, a solidariedade e o respecto polo medio ambiente
  • As carreiras desenvolveranse entre as 9.45 e as 12.00 horas en Chan de Esqueiros, na zona de Cabo Udra

A Asociación por Beluso (Asbel), coa colaboración do Concello de Bueu e doutras entidades públicas e privadas, organiza o próximo domingo, 26 de xuño, o 6º Cross Popular de Udra, un evento deportivo e familiar no que se agarda a participación de 841 persoas. Segundo apuntan dende a organización, está previsto que ás 9.45 horas saian os e as participantes na andaina (da que aínda quedan prazas dispoñibles, podendo facerse a inscrición o sábado en Chan de Esqueiros de 16 a 19 horas), para a continuación dar paso ás categorías escolares de pitufos, minibenxamín, benxamín, alevín e infantil, que percorrerán diversas distancias. Ás 11.00 horas sairá a carreira popular de 4 quilómetros, e ás 12 horas, a absoluta de 10 quilómetros, que son as que acollen a maior participación do evento.

Marcos Torres, presidente de Asbel, salientou na rolda de prensa celebrada este xoves na contorna de Chan de Esqueiros que “este ano recuperamos a normalidade despois da pandemia”. Amais das probas deportivas, tal e como vén sendo habitual, o evento contará cunha parte solidaria, de aí que estea prevista a colocación de varios postos de asociacións da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Asociación Protectora do Morrazo e Avempo, mentres que os trofeos son da autoría da Asociación Juan XXIII.

Ramón Pereiro, en representación da Xunta de Galicia, destacou que “esta competición vai máis alá do deporte e aposta por unha forte compoñente social, e con actividades paralelas que achegan un gran de area para concienciar á sociedade sobre o medio ambiente”.

Pola súa banda Félix Juncal, alcalde da vila, que estivo acompañado por Ricardo verde, concelleiro de deportes, apuntou que “o domingo será un día festivo para toda a parroquia de Beluso nun enclave espectacular como Cabo Udra, que forma parte da Rede Natura 2000 e onde se sitúan fermosas praias”. Juncal agradeceu ao colectivo veciñal por organizar estes actos, e de forma especial a Marcos Torres, “que leva o seu compromiso e o seu traballo sempre por diante e con moitas ganas”.

O Cross Cabo Udra naceu hai varios anos coa clara intención de darlle continuidade e recuperar o Cross de Beluso, unha proba considerada coma un dos referentes provinciaisa nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90, e que tivo que deixar de celebrarse no 2003.

O evento recuperará nesta edición varias actividades para pasar o día en familia, dunha forma similar á antes da pandemia. Así, haberá rocódromo, xogos populares e parque infantil de 10 a 14 horas; clase de zumba con Susy Alonso ás 10.45 horas; e unha limpeza na praia de Ancoradouro ás 11.15 horas. En canto á entrega de premios, ás 11.15 horas entregaranse os das carreiras escolares, ademais dos dos primeiros inscritos tanto na categoría feminina como absoluta, e os de máis lonxe; seguirá ás 12 horas coa entrega do trofeo bravo e xa ás 13.15 horas se farán os das carreiras absoluta, popular, equipos, veteráns e séniors.