Máis de 200 persoas reivindican en Santiago o dereito de acceso libre da veciñanza de Ons á Illa
-
A concentración, que se celebrou nas inmediacións da Consellería de Medio Ambiente, foi apoiada por todos os grupos municipais da corporación
Máis de duascentas persoas concentráronse na tarde deste mércores, 15 de maio, nas inmediacións da Consellería de Medio Ambiente para protestar polo libre acceso da veciñanza da Illa de Ons a este espazo.
Os voceiros da corporación bueuesa, co alcalde Félix Juncal á cabeza, quixeron dirixirse a Santiago de Compostela, a pesar de que a media mañá desde a Dirección Xeral de Patrimonio Natural se cancelase a reunión prevista. Ante o que se considera unha “falta de lealdade e de xustiza”, o alcalde dirixiuse a toda a veciñanza para esixir “firmeza e determinación, pois temos a lexitimidade de reclamar que nos escoiten e chegar ata o final do camiño, conscientes de que se nos mantemos unidos gañaremos”.
O alcalde explicou que esta mañá mantivo unha conversa telefónica coa Directora Xeral co fin de intentar conseguir unha moratoria na aplicación do PRUX para a veciñanza, aínda que desde o órgano autonómico lle transmitiron que non o farán, pois consideran que “se está facendo campaña electoral con este tema”. Ante iso, Juncal dirixiuse á veciñanza en Santiago para salientar que “non temos que ser intrusos na nosa terra, porque Ons é o que é grazas a vós, e xa é hora de que se vos recoñeza como parte da identidade deste lugar”.
Co obxectivo de marcar o camiño a trazar, os voceiros acordaron reunirse de novo ca veciñanza o vindeiro 20 de maio, ás 18.30 horas no Centro Social do Mar, pois consideran que “os dereitos non se negocian e que a dignidade é algo que como pobo nunca poderán quitarnos, polo que iremos cara onde faga falta”. Este apoio foi manifestado nunha declaración conxunta que os catro grupos da corporación (BNG, ACB-SON, PP e PSOE) aprobaron na sesión plenaria do pasado 6 de maio.
(Máis fotos e vídeo na nosa páxina de Facebook)