Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Arancha Nogueira gaña o XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Reunión do xurado do XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

  • O xurado valorou o interese da proposta, “con hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”

Arancha Nogueira resultou gañadora do XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu polo seu poemario titulado O silencio das gaivotas, polo que se fará con 1500 € e a publicación por parte da Editorial Xerais. O xurado, conformado polas poetas Míriam Ferradáns, Tamara Andrés e Berta Dávila reuniuse na tarde deste domingo e valorou o interese da proposta, “con hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”. Destacable é tamén a “honestidade da proposta autorial e a verdade da escrita, e os eixes temáticos aluden a unha revisión do mundo infantil, contemplado desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del”.

Arancha Nogueira é Licenciada en Xornalismo, conta cun mestrado en Literatura comparada e Crítica Cultural, e ten pasado períodos da súa vida entre Madrid, Porto, Belfast e a súa Ourense natal. Actualmente forma parte da comunidadede crítica cultural feminista “A Sega” e publicou o ano pasado os poemarios o único lugar onde ficar inmóbil e spleen en catro tempos, e a plaquette a capacidade de descomposición da luz.

O poemario da poeta ourensá erixiuse gañador de entre os cincuenta e oito traballos presentados ao certame nesta modalidade que ten premiado a autores e autoras como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey…

Este concurso naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira. Tal e como xa se anunciara hai unhas semanas, na categoría de xornalismo deste ano, fíxose co premio Aser Álvarez González pola súa repostaxe “Ferrín e a poesía do circo”.