O Concello de Bueu recibe ao alumnado de Erasmus +, de intercambio co IES Johán Carballeira

  • Un grupo de catorce rapaces e rapazas e mestres de Polonia, Italia, Eslovenia, Eslovaquia e Rumaría, atópanse de visita na vila

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este martes, 14 de maio, un acto de recibimento ao alumnado de cinco países que participa no proxecto “Migración e crise de refuxiados” no marco de Erasmus + co IES Johán Carballeira. O obxectivo deste programa, que engloba a catorce rapaces e rapazas, é analizar a crise dos refuxiados e ver a inmigración desde un ámbito global.

Acompañados de sete profesores, o alumnado do Liceum Ogolnoksztalcace de Sroda Wielkpolska (Polonia), do Licei Statali Francesco Angeloni de Terni (Italia), do Solski Center de Slovenj Gradec (Eslovenia), do Spojena Skola Kollarova 17 de Secovce (Eslovaquia) e do Colegiul Technic Toma N. Socolescu de Ploiesti (Rumanía) puido coñecer as dependencias da Casa Consistorial, onde estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Teresa López, concelleira de educación, e Xosé Leal, edil de cultura, onde lles fixeron entrega dun pequeno agasallo institucional, composto de dous libros, un sobre a identidade e outro sobre a escultura ‘Inés Palmira’ de José Solla.

Do centro educativo bueués participan un total de doce alumnos e alumnas, quen tamén asistiron ao acto desta mañá. O alcalde salientou a importancia de que desde os centros educativos se impulsen proxectos coma estes, que “visibilizan e reflexionan sobre un drama social, nun momento no que asistimos ao auxe de determinados movementos que ven na inmigración un problema”.