Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Integrantes de Adicam preparan a súa curta no obradoiro do FICBUEU e La Caixa

A formación vén de dar comezo na Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama e a obra resultante proxectarase no festival

Integrantes da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (Adicam) iniciaron esta semana en Cangas o novo obradoiro da Área Social do FICBUEU, que conta co apoio da Obra Social ”la Caixa”. As nove participantes formaranse en técnicas cinematográficas para acabar realizando a súa propia curta, que se proxectará en setembro na undécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu.
As sesións desenvolveranse cada mércores de 16.30 a 20.30 horas na Casa da Bola, sede do colectivo, durante os meses de febreiro e marzo, e nelas as socias achegaranse ás distintas fases de produción dun filme. Entre todas, chegarán a un acordo sobre as ideas xerais do que será o seu traballo final, para logo concretalas nun guión e, posteriormente, na gravación. Segundo Manuel Pena, director do FICBUEU e encargado de impartir as aulas, “considérano un reto moi complicado, pero afróntano con ganas e coa ilusión de facer un bo traballo”.
O obradoiro con Adicam é unha das novas liñas de acción que este ano abriu a Área Social do Festival Internacional de Curtametraxes, coa que se busca contribuír ao empoderamento persoal de diferentes colectivos empregando o cine para romper barreiras e reivindicar a súa realidade. Outra das novidades foron as formacións no Centro de Educación Especial de Vilagarcía de Arousa, mentres que continúan as proxeccións para nenas e nenos hospitalizados no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e para as persoas maiores usuarias dos centros de día de Bueu. Axiña se retomará asemade a actividade coa Asociación Juan XXIII.