Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Héctor Pena gaña o XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo

  • O xurado destacou o gran traballo xornalístico do autor da reportaxe “Historia inacabada do deporte galego”, publicada no Nós Diario
  • Os premios, tanto na categoría de xornalismo como na de poesía, entregaranse nun acto público que se celebrará na semana das Letras Galegas

Héctor Pena resultou gañador do XX Premio Johan Carballeira de Xornalismo convocado polo Concello de Bueu con “Historia inacabada do deporte galego”, unha reportaxe publicada no Nós Diario e que destacou de entre as dezaoito obras presentadas. O xurado, que se reuniu na tarde deste venres, 28 de abril, estivo conformado por Antía Yáñez, escritora e gañadora da edición anterior, Susana Pedreira, xornalista radiofónica e Manuel A. Mosteiro García, en representación da Asociación de Amigos de Johan Carballeira. Na acta, o xurado salientou “o traballo xornalístico de investigación levado a cabo polo autor para documentar diferentes ámbitos do deporte e a súa relación coa identidade do país”. A reportaxe “fusiona pasado, presente e futuro dos deportes galegos que van dende o fútbol ata os deportes autóctonos e populares pasando polas traíñas e artes marciais”. O autor dálle, o lugar que merece ó deporte paralímpico, sen esquecer a perspectiva de xénero, e tamén “consegue espertar o interese dos máis profanos na materia”.

Héctor Pena é xornalista deportivo no xornal en galego Nós Diario, ademais de historiador do fútbol galego, e conta con dous libros publicados, como son ‘Os Nosos’ e ‘Historia del Trofeo Teresa Herrera”.

O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.

Este certame ten premiado a xornalistas e persoas recoñecidas deste mundo como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico…

Esta semana deuse a coñecer o gañador do certame na categoría de poesía, que resultou ser o poeta noiés Manuel López Rodríguez. A entrega de premios terá lugar nun acto público que se organizará na semana das Letras Galegas.