XXII Encontro – Degustación Millo Corvo
Evento xa rematado
-
Inicio
1 abril, 2022
6:00 pm -
Fin
3 abril, 2022
10:00 pm
Despois de dous anos suspendido pola pandemia, o lugar de Meiro recupera a próxima fin de semana unha das súas actividades estrela: o XXII Encontro- Degustación do Millo Corvo, organizado polo Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Meiro. Este evento, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, encherá a aldea bueuesa de degustacións, charlas divulgativas e actuacións musicais, co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico e con tanta tradición na zona.
Dende a asociación levan uns meses cultivando as dúas fincas coñecidas como Chans e Agrosouto, das que colleitaron o millo co que se farán os produtos para esta fin de semana e que se poderán degustar na Ecotaberna.
O venres 1 de abril arrancará o programa coa tradicional Muiñada, que se celebrará ás 18 horas nos Muíños do Canudo. Xa o sábado, ás 11.30 horas, como vén sendo habitual, abrirase a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica, ademais dunha cervexa artesá, que é a novidade desta edición. Ás 12.30 horas, Andrés Reboreda impartirá unha charla sobre micro – organismos autóctonos do solo como rexeneradores do medioambiente. Á mesma hora terá lugar a presentación da cervexa elaborada con Millo Corvo, guiada cunha presentación con Marta Galán, mestra cervexeira de Alealé. A mañá rematará cun obradoiro e degustación de Pinchitos mexicanos a cargo de Mercedes Urbiola, e a actuación musical de DARTE, o grupo do conxunto 5 da ETRAD.
Xa pola tarde, ás 17 horas terá lugar a charla “Contaminación na casa” coa bióloga Sara González, seguida do obradoiro de iniciación á cosmética con Carmen Barreiro, outra presentación sobre “O teu fogar como ferramenta de sanación” con Dolores Tobío e Xulio Fernández, e rematarase coa actuación do cuarteto Mediarea.
O domingo volverase abrir a Ecotaberna ás 11.30 horas, cando tamén sairá unha ruta guiada da man de A Illa dos Ratos polos muíños do Canudo, para a que se requirirá inscrición previa no teléfono 611080853. Ás 12 horas, Paolo Benincasa, investigador no Instituto Planck de Física en Múnich, impartirá a charla “O millo corvo entre gastronomía. Historia e Ciencia”, para rematar a mañá coa actuación musical da agrupación folclórica Trompos os pés. A tarde arrancará ás 17 horas cunha mesa coloquio na que representantes das comunidades de montes veciñais conversarán sobre a multifuncionalidade do monte. Outra alternativa é o obradoiro que impartirá Fina Carrillo sobre Encaixe de Horquilla, para dar paso ás 19 horas a Enrique Banet, quen falará sobre o proxecto “Corredores Verdes e agricultura ecosocial”.
Ademais, durante os días da festa proxectaranse os documentais “Rexurdir do Millo Corvo” e “Testemuña dunha tradición”.