XXI Festa do Polbo
Evento xa rematado
-
Inicio
13 agosto, 2022
Evento todo o día -
Fin
15 agosto, 2022
Evento todo o día
- A festa terá lugar do 13 ao 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís, e incluirá diversas especialidades de preparado deste cefalópodo a cargo de tres locais hostaleiros
- Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG, será o encargado de ler o pregón o 13 de agosto ás 12.00 horas
O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 13 ao 15 de agosto a XXI Festa do Polbo, que se celebrará no aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns Urbano Lugrís e que ofrecerá a posibilidade de degustar máis dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo.
Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o sábado, domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas, e nese horario as persoas que o desexen poderán degustar as especialidades preparadas. Previamente, o venres está programada unha ruta gastronómica na que se explicará todo o proceso dende que se captura ata que se cociña o polbo, ao tempo que se visitan os espazos relacionados como a lonxa, a Praza de Abastos ou o Museo Massó. As inscricións para esta ruta, cun custe de 6.00 euros por persoa, poden realizarse dende un formulario web, no teléfono 986390029 (Ext.5) ou no correo turismo@concellodebueu.gal.
A inauguración oficial da festa será o sábado 13 de agosto, coa lectura do pregón a cargo de Fran Cañotas, xornalista e presentador da TVG que actualmente está á fronte do programa da TVG “Quen anda aí?” e que xa o ano pasado foi o encargado de guiar a Gala do Deporte do Concello de Bueu. Previamente, ás 11 horas está programada a descuberta do polbo artístico feito e doado polo curso de talla de Bon e que se instalará na fachada da Praza de Abastos, e tamén a actuación con pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Retrouso. Ese día pola noite, ás 21.00 horas, a Charanga Barafunda animará a festa.
O domingo, o Club de Atletismo Corredoiras coordinará unha serie de xogos populares ás 11.30 horas. Ás 12 horas, haberá un pasarrúas e un espectáculo cun Polbo Xigante, concretamente de 15 metros de longo e elaborado con globos biodegradables, que se poderá admirar polas rúas da vila.
O luns, ás 12 horas, actuará a Charanga Noroeste, e xa pola tarde, a partir das 20.30 horas, desenvolveranse actividades infantís que contarán con persoal especializado en necesidades especiais, e nas que poderán participar nenos e nenas presentando os tíckets de compra da festa. Tamén os tres días, as persoas que o desexen poderán degustar lambetadas elaboradas con millo corvo grazas á Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, e poderase ver unha alfombra floral da man da Asociación Cunchas e Flores na rúa Johan Carballeira.
Horarios e especialidades
A festa arrancará o 13 de agosto ás 12.30 h, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o domingo e luns de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custe de 8.00 € e de 12 €, segundo a ración, e serán preparadas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.
Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 8.00 €, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 12 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaen, polbo á galega e polbo á feira. O Rincón de Cela presentará empanada de millo e trigo, croquetas de polbo, salpicón de polbo e salteado de setas con polbo, todas a 8.00 €; mentres que por 12 € cociñarán polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, pizza de polbo, ensalada de polbo e tortilla de polbo; e Casa Acuña ofrecerá, por 8.00 €, empanada de polbo de millo e trigo, coquetas de polbo, tosta de polbo con queixo tetilla, arroz de polbo e pizza de polbo; e por 12 €, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo encebolado e salpicón de polbo.