Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xornadas ‘Id a San Momed’

Evento xa rematado

A Capela de Sanamedio será testemuña durante os días 11 e 12 de xuño de dezaoito actividades de diversa índole que achegan a relación entre a poesía galega e o mar, no marco das Xornadas ‘Id a San Momed’, organizadas por O Arquivo das Trasnas e a Libraría Miranda, coa colaboración da Xunta de Galicia. Ao longo desa fin de semana, terán lugar seis relatorios sobre o «O mar e as nosas letras poéticas» (ofrecido por Malores Villanueva), os trobadores medievais (ofrecido por Pilar Lorenzo), Rosalía de Castro (ofrecido por Anxo Angueira), Manuel Antonio (ofrecido por Xosé Luis Axeitos), Bernardino Graña (ofrecido por Heitor Mera) e a tradición oral galega (ofrecido por Antonio Reigosa). Ademais, presentaranse os poemarios Uralita (da man da súa coautora Iria Pinheiro e da poeta Oriana Méndez) e Clepsidras (coa participación da súa autora, Inma López Silva, e do crítico literario Armando Requeixo), haberá recitais con Marilar Aleixandre, Carlota Corredoira, Dani Costas, Estíbaliz Espinosa, Oriana Méndez e Ismael Ramos, contarase con obradoiros poéticos ofrecidos por Míriam Ferradáns e Antía Otero ao redor do mar e Bernardino Graña e Manuel Antonio, así como unha regueifa mariñeira ofrecida por Lupe Blanco e Kike Estévez. O broche da programación porao un concerto ofrecido polo cantautor Tino Baz.
Durante a fin de semana, na que ademais Librería Miranda ofrecerá ao público un amplo repertorio de poemarios galegos para a súa compra, tamén haberá sinaturas de libros no posto da libraría. A participación nas actividades é gratuíta e até completar aforo, a excepción dos obradoiros poéticos, nos que é preciso inscribirse antes do 10 de xuño ás 23:59h no enderezo oarquivodastrasnas@gmail.com.