Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xornadas especializadas en prevención da violencia de xénero

  • As charlas serán impartidas por diversos profesionais e van dirixidas ao sector educativo, da saúde e da seguridade, e coordínanse dende o Centro de Información ás Mulleres de Bueu
  • Dende a concellaría de igualdade incídese de forma especial na formación como piar fundamental da loita contra as violencias machistas

O Concello de Bueu organiza unhas Xornadas interdisciplinares especializadas en prevención da violencia de xénero, dirixidas a profesionais de diversos ámbitos e que pretenden actuar para loitar contra esta lacra social. As xornadas, coordinadas dende o Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Bueu e co financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, esténdense maiormente ao longo deste mes, con motivo do Día Internacional Contra as Violencias Machistas.

As xornadas iniciáronse o 19 de outubro cun obradoiro sobre novas masculinidades e experiencias prácticas na educación secundaria, que foi impartido polo profesor de filosofía Xosé Cabido Pérez, e que se desenvolveu no instituto Johan Carballeira. A próxima será este venres, 17 de novembro, cando a educadora social, pedagoga e investigadora na USC Aixa Permuy Martínez falará sobre redes sociais, ciberacoso e seguridade na rede no salón de actos do mesmo instituto, nunha xornada dirixida ás asociacións de nais e pais da vila.

O venres 24 de novembro, as forzas e corpos de seguridade poderán participar nunha xornada de formación na sala de xuntas do CIM impartida por Carmen Rebolledo Olmedo, Fiscal da Sección Territorial de Cambados da Fiscalía Provincial de Pontevedra, na que se falará sobre a atención e a protección de vítimas de violencia de xénero. Pola súa banda, o profesor de socioloxía da USC Jorge García Marín estará o 28 de novembro no IES Johan Carballeira para informar sobre xogos bélicos e sexistas ás anpas. O 30 terá lugar a charla “A experiencia do Comité Lila”, nunha xornada dirixida aos centros de ensino e na que participará Teresa González Piñeiroa, profesora no IES Dionisio Gamallo de Ribadeo.

As xornadas culminará o 30 de decembro cunha charla para o persoal do Centro de Saúde de Bueu, na que Rosana Izquierdo Fernández, médica de atención primaria no Centro de Saúde de Sárdoma presentará o protocolo de violencia de xénero no ámbito sanitario. Precisamente, no Centro de Saúde de Bueu tamén se organizará unha mesa informativa do 20 ao 24 de novembro na que se resolverán dúbidas e se explicarán protocolos para actuar contra a violencia machista.

Ademais das xornadas, e tamén con motivo do 25 de novembro, nos centros educativos realizaranse obradoiros sobre cousificación da muller, hipersexualización e publicidade sexista. Así mesmo, tamén se realizará na colaboración coa Secretaría Xeral para a Igualdade e facilitado por Pantallas Amigas un obradoiro sobre ciberviolencia no IES Johan Carballeira.

O Concello de Bueu, a través do CIM, leva moitos anos promovendo actividades para fomentar a igualdade entre homes e mulleres e a erradicación da violencia de xénero. De feito, xa se organizan dende hai anos xornadas de formación para actuar dende diversos ámbitos, facendo fincapé no eido educativo e na formación dende as idades máis miúdas.