Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Xornadas abertas de alfombrismo Corpus 2024

  • As xornadas trasládanse debido ao mal tempo desta fin de semana, e están abertas a toda a cidadanía, cativada e maiores

O Concello de Bueu traslada as “Xornadas abertas de alfombrismo Corpus 2024” para o  10 e o 11 de maio ante as previsións de mal tempo para esta fin de semana. Así se decidiu hoxe por parte da concelleira de cultura e os colectivos de alfombristas da vila, xa que o obxectivo é animar a máis veciños e veciñas a elaborar tapices de cara á festa que se celebrará o 2 de xuño.

Coa participación e a colaboración de alfombristas da vila, a Praza Massó ateigarase de flores xa dende o venres, 10 de maio, cando a partir das 17 horas se realizarán obradoiros de preparación do material, polo que as persoas que se acheguen poderán ver e participar da recollida, a elaboración de plantillas, o tamizado e a tintura. Xa o sábado, tamén á mesma hora, procederase a elaborar as alfombras.

Estas Xornadas organízanse co obxectivo de fomentar a participación na Festa das Alfombras Florais do Corpus e para dar a coñecer as axudas por participación nas que a concellaría de cultura leva meses traballando xunto aos colectivos de alfombristas da vila.

A festa das alfombras, que este ano se celebra o 2 de xuño, conta con máis dun cento de anos de antigüidade, e foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, conta co distintivo de Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.