XIX Festa do Polbo de Bueu

Evento xa rematado

  • A festa terá lugar do 10 ao 12 de agosto, e incluirá unha vintena de especialidades de preparado deste cefalópodo ademais do tradicional polbo á feira
  • A cociñeira Bea Sotelo será a encargada da inauguración oficial, cunha demostración gastronómica o sábado ás 12.00 horas

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 10 ao 12 de agosto a décimo novena edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha vintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. Ademais diso, e como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, coa que “queremos evolucionar pero sen esquecer a tradición”, tal e como declarou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo.

Aínda que os postos estarán abertos o venres de 19.30 a 00.00 horas, a inauguración oficial será o sábado ás 12.00 horas, cunha demostración gastronómica a cargo de Bea Sotelo, cociñeira que participa no programa gastronómico “Gastrópodos” da TVG, ademais de contar cunha estrela Michelín mentres rexentaba o restaurante “A Estación” de Cambre. Segundo salientou Sotelo, vai ser unha demostración de cociña tradicional reinventada coa que se buscará salientar a impronta do polbo, con propostas de pratos divertidos e ao alcance de todas as persoas (encurtidos, cocción tradicional do polbo…)

A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo dúo Voodoo, novidade deste ano coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6.00 euros, proposta coa que se pretende chegar ao público máis novo. Xa pola noite, ás 22.00 horas, o actor galego Serxio Pazos fará desfrutar ao público asistente dun monólogo.

O domingo, ás 12 da mañá, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 20.30 horas o programa cultural rematará con Cantos de Taberna (que tamén se poderán ver o venres á mesma hora).

Especialidades

A festa arrancará o 10 de agosto ás 19.30 h, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas. As variedades terán un custe de 6.00 € e de 10 €, segundo a ración, e serán ofrecidas por dous establecementos: O Rincón de Cela e Frigoríficos Rosa de los Vientos.

Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 6.00 €, de empanada de polbo de trigo, empanada de polbo de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, fabas con polbo e paté de polbo á feira; e por 10 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo en caldeirada. Pola súa banda, O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, xeado de polbo, boliño de polbo e croquetas de polbo, todas por 6.00 €; mentres que por 10 €, os e as comensais poderán probar o polbo á feira, o polbo á prancha, polbo en caldeirada, a pizza de polbo, e o brocheta de polbo.

Especialidades XIX Festa do Polbo