Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

V Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual

Evento xa rematado

O Concello de Bueu organiza, como xa vén sendo habitual, as V Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, cun programa que se desenvolverá o 1 e 2 de xullo e co que se busca crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual. 

O programa deste ano iniciarase o 1 de xullo, ás 19.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, coa lectura do manifesto do Concello de Bueu con motivo do Día do Orgullo LGBTIQ+. A continuación, a investigadora Ana Amigo Ventureira presentará o proxecto “Bibliodiversidade”, unha guía que divulga material bibliográfico sobre a diversidade afectivo –sexual co obxectivo de promover o uso destes recursos como ferramenta didáctica nas aulas. Este traballo foi levado a cabo entre setembro e decembro de 2021 no marco do CEXeF, o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña. Despois, o IES Johan Carballeira de Bueu presentará o traballo levado a cabo durante este curso no equipo de diversidade do centro, co que recibiron o premio “Escola sen armarios”, concedido dende a Asociación Arelas. A xornada culminará ese día coa presentación do libro Campo de plumas. Poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, unha proposta do selo editorial cangués Sushi Books, antologada e traducida por Jesús Castro Yáñez, quen estará acompañado polo editor Moisés Barcia. O libro percorre a lírica ao longo do tempo, e lévanos dende Safo a Mary Jean Chan, a través de versos nos que se dan conta de diversas identidades e orientacións sexuais.

Ao día seguinte, 2 de xullo, o Cineclub Bueu proxectará o filme “Girl” de Lukas Dhont, que se poderá ver ás 21 horas no Centro Social do Mar con entrada de balde. O filme conta cunha adolescente de quince anos que naceu sendo un neno e o seu maior desexo é converterse nunha bailarina de elite.

Ademais, xa dende o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBTIQ+, colocarase a bandeira no balcón da Casa Consistorial. Así mesmo, e como en algúns anos anteriores, o Concello encargoulle ao artista local Marc Taeger o pintado da fonte dos Xardíns de María Eugenia, que loce dende hai unhas semanas cun deseño colorido que alude e reivindica a diversidade.