Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Samaín en Bueu

Evento xa rematado

O Parque Ramal dos Galos de Bueu acollerá o luns 31 de outubro un Samaín terrorífico con actividades diversas para a cativada organizadas polo Concello de Bueu e as anpas de A Pedra e Alborada, e coas que se pretenden achegar esta festa tradicional e estendela máis alá dos centros educativos.

Ese día pola mañá, aproveitando que é non lectivo nos centros de ensino de primaria, entre as 10.30 e as 13.30 horas desenvolveranse uns obradoiros con temática terrorífica no que os nenos e nenas aprenderán a elaborar diversos elementos relacionados co terror. Para estes talleres, e como xa vén sendo habitual, contarase con persoal experto en necesidades especiais, tal e como se fixo no Entroido, nas actividades estivais ou nas de Semana Santa.

Pola tarde, a partir das 18 horas sairá unha ruta do medo para a cativada pola contorna do río Bispo, que estará adaptada para a cativada con diversidade funcional. Segundo explicaron dende as anpas, a primeira ruta, dirixida para nenos e nenas menores de 8 anos, sairá dende a zona do skate park (As Lagoas) e rematará no lavadoiro da rúa Pazos Fontenla, con xogos diversos, como un labirinto de tea de araña, a elaboración dunha apócema ou unha carreira de sacos. E para os cativos e cativas maiores de 8 anos, a ruta terá lugar pola contorna co campo de fútbol e constará de diversas estacións do medo. Segundo salientaron dende as anpas, “do que se trata é de pasalo ben e gozar desta xornada, e por iso seguimos buscando voluntarios e voluntarias para participar como actores e actrices nesta ruta”. As persoas interesadas poderán poñerse en contacto con Marián Millán no teléfono 628649357.

Tamén a partir das 18 horas, no Parque Ramal dos Galos desenvolverase unha festa con actividades como zumba, xincana, chocolatada, concursos de postres, de cabazas e de disfraces, xogos…

Ademais, na contorna do Parque, a Asociación Cunchas e Flores confeccionarán unha alfombra terrorífica para a ocasión.

Dende a organización avanzan que no caso de chuvia as actividades se trasladarán á Biblioteca Municipal Torrente Ballester, que está situada no mesmo parque.