Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Rutas Sabor e mar

Evento xa rematado

  • As primeiras camiñadas terán lugar os sábados 18 e 25 de xuño, e o 2 de xullo e é necesaria inscrición previa no correo turismo@concellodebueu.gal ou no 986390029

O Concello de Bueu porá en marcha este verán un programa de rutas baixo o lema de ‘Sabor e mar’, co que se busca achegar os recunchos naturais, culturais e gastronómicos da vila.  As rutas, que tiveron moi boa acollida o pasado ano, desenvolveranse os sábados 18 e 25 de xuño e 2 de xullo, mentres que no resto do verán continuarán os xoves. Para participar nelas precísase inscrición previa no correo turismo@concellodebueu.gal, no teléfono 986390029 (ext.5) ou a través do formulario da web municipal. Cun custe de 6 euros por persoa, estas camiñadas comezarán ás 10.00 h, e constarán dunha ruta guiada e a elaboración dunha tapa mariñeira por parte dunha cociñeira profesional, que se poderá degustar ao remate na Praza de Abastos.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “é importante que coñezamos os lugares máis importantes da cultura da nosa vila e os produtos que nos trae o mar”. De aí que dende o goberno local se aposte, un ano máis, polo turismo sostible e de natureza, con accións de promoción dos produtos e espazos locais. O obxectivo é, pois, dar a coñecer o patrimonio natural e inmaterial da contorna, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.