Rutas de sendeirismo ‘Sabor e mar’

  • As camiñadas terán lugar todos os venres entre o 18 de xuño e o 17 de setembro, e para todas é necesaria inscrición previa no correo turismo@concellodebueu.gal ou no 986324457

O Concello de Bueu porá en marcha este verán un programa de rutas baixo o lema de ‘Sabor e mar’, co que se busca achegar os recunchos naturais, culturais e gastronómicos da vila. As rutas desenvolveranse todos os venres dende o 18 de xuño ao 17 de setembro, e precísase inscrición previa no correo turismo@concellodebueu.gal ou no teléfono 986324457. Cun custe de 6 euros por persoa, estas camiñadas comezarán todos os venres do verán ás 10.00 h, e constarán dunha ruta guiada e a elaboración dunha tapa mariñeira por parte dunha cociñeira profesional, que se poderá degustar ao remate na Praza de Abastos.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “é importante que coñezamos os lugares máis importantes da cultura da nosa vila e os produtos que nos trae o mar”. De aí que dende o goberno local se aposte, un ano máis, polo turismo sostible e de natureza, con accións de promoción dos produtos e espazos locais. O obxectivo é, pois, dar a coñecer o patrimonio natural e inmaterial da contorna, tanto para a veciñanza como para as persoas visitantes.

Formulario de inscrición