Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Reunión informativa «O novo Beluso urbano»

  • O acto terá lugar este xoves, 4 de xuño, ás 20.30 horas na Casa do Pobo de Beluso e nel intervirán o alcalde e o concelleiro de urbanismo

O Concello de Bueu convoca este xoves, 4 de maio, unha reunión informativa coa veciñanza e tecido comercial do centro de Beluso para presentar o proxecto de humanización e mellora da zona. O acto será ás 20.30 horas na Casa do Pobo de Beluso e nel Félix Juncal, alcalde da vila, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, falarán sobre o que será “o novo Beluso urbano”.

Dende o goberno local apuntan que “estamos cuns proxectos que reordenarán os espazos e que potenciarán a actividade comercial da zona, amais de consolidar este casco urbano e revalorizar as relacións humanas”.

A primeira das accións é a humanización da rúa Nova de Beluso e a contorna, nun ámbito que supera os 4.000 metros cadrados, cun orzamento próximo aos 800.000 euros, e que se financian con cargo ao III Plan Extra e Plan + Provincia 2026 da Deputación de Pontevedra. Con esta actuación crearase unha gran praza pública e comunitaria, na que se fomentará o tránsito peonil, pero tamén se aproveitará para avanzar na mellora das comunicacións e a reordenación dos aparcadoiros. De feito, e como complemento a esta actuación, está prevista a apertura dun novo vial de conexión entre as estradas EP-1301 e PO-315. Así mesmo tamén se crearán zonas axardinadas e mellorarase a contorna do cruceiro para a súa posta en valor.

Precisamente, o que se pretende é ordenar o acceso ás dotacións comunitarias, ademais de zonas verdes, fomentando a accesibilidade para que o centro de Beluso luza unha nova imaxe, máis actual e na que se potencie un casco urbano no que conflúen equipamentos sociais como a Casa do Pobo ou o Pavillón de Beluso, amais de abondosos establecementos comerciais.

Complementario a este, o Concello segue avanzando na tramitación do POL-12, o plan de urbanización da unidade situada diante da Casa do Pobo de Beluso. Precisamente está pendente de enviar á Consellería de Medio Ambiente para o trámite de avaliación ambiental.