Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Proxección «O estrobo no tolete»

Evento xa rematado

O Centro Social do Mar acolle o 24 de agosto ás 20.30 horas a proxección do audiovisual «O estrobo no tolete», realizado por Manuel Yáñez e dirixido por Xaime Toxo. No acto participarán Xaime Toxo, Santi Soliño, Tere Barros e Suso Viti.

O ESTROBO NO TOLETE é una proposta audiovisual creativa e subxectiva  onde se intenta a través de imaxes e textos vincular a permanencia da memoria  e a arqueoloxía emocional do territorio.

O ESTROBO NO TOLETE é a mirada dun neno de sesenta anos, ou as distintas  miradas. É a constatación sensorial que o feito de vivir nos transmite, non  baseada no paso do tempo, senón nos asombros, as dúbidas, os medos, as  alegrías, as sensacións, o que se di e o que se cala, o que se mostra e o que se  oculta. Son as cores e a escuridade, a luz nos distintos momentos nos que se  produce, os filtros e os obxectos, a materia traballada e a natureza como  escenario dialéctico e transcendente. Nada hai máis alá do que nos fai sentir  parte dun organismo total que supera os límites da nosa imaxinación.

O ESTROBO NO TOLETE é imaxe, pero sobre todo é texto. É voz fóra do tempo,  é monólogo atuído de diálogo, unha conversa atemporal con cada unha das  células e átomos que lle deron forma e movemento a intres nos que o alento  adquiría a presión do aire na botella. Xurdir nese abismo con respiración asistida.

O ESTROBO NO TOLETE é palabra pronunciada, é unha oración escrita sobre  un corpo espido, son corpos en distintas fases de desenvolvemento, topografías de  relevos inconfundibles, espazos non modificados e construcións reais e outras  imaxinadas. É un murmurio e un aturuxo, unha contemplación e unha espera, o  esforzo dunha carreira, a frustración de non poder voar.

O fío dun nobelo que se perde na néboa.