Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Proxección de curtas neerlandesas no FICBUEU

Evento xa rematado

Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, brindando oportunidades de exhibición, conectando cunha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. Cada ano, en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano.

Ata o 19 de xaneiro, as persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo en todo o mundo, desde Berlín e Londres ata Atenas ou Maputo, pasando por Galicia por primeira vez. 

Será o venres 12 de xaneiro ás 21:00h cando o FICBUEU acolla a proxección dos seis filmes que optan ao premio. O evento terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu, onde se celebra o certame cada ano. Para asistir é preciso mercar entrada a través da tenda web do festival bueuense (www.ficbueu.com/tenda) ou no despacho de billetes do auditorio da vila a partir das 20:30h. 

Durante a proxección, a organización proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global e escoller a mellor curtametraxe. A gañadora xeral revelaráse na cerimonia de entrega de premios do 11º Shortcutz Amsterdam o 21 de xaneiro de 2024. 

AS CURTAMETRAXES 

Os filmes que conforman a sesión foron seleccionadas polo xurado de Shortcutz Amsterdam, con personalidades destacadas da industria cinematográfica como o produtor Jan Harlan (‘The Shining’), Christopher Mack de Netflix International Originals, a actriz Elise Schaap (‘Ferry’), o director Roel Reiné (‘Marvel’s Inhumans’), a actriz Willeke van Ammelrooy (‘Antonia’s Line’), o director Eddy Terstall (‘Simon’), a Xefa de Drama NTR Marina Blok, o ex programador sénior de Eye e xefe de adquisicións René Wolf, a actriz Nora El Koussour (‘Layla M’) e o artista Laser 3.14.