Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programación Nadal 2022

Evento xa rematado

  • Entre os eventos máis novidosos están “Choconadal”, festas de fin de ano a cativada e persoas maiores e torneos deportivos de pimpón, futsal ou carreira pedestre
  • Os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas do Apalpador, Papá Noel e dos Reis Magos

O Concello de Bueu presenta unha programación ampla e variada de Nadal, moi centrada nas familias e nos eventos para compartir estas festas entre a cativada e as persoas maiores. Así o destaca Xosé Leal, concelleiro de cultura, quen fai fincapé na aposta do goberno local polas actividades para todas as idades, e nas que tamén colaboran os colectivos culturais e sociais, cun importante arraigo na vila morracense. Precisamente, para a maioría dos eventos habilitarase a carpa das Lagoas, que contará a partir do 22 de decembro cunha decoración especial e novidosa.

Como cada ano, os máis pequenos e pequenas recibirán as habituais visitas de Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Papá Noel estará na carpa de Nadal situada no aparcadoiro de As Lagoas o 24 de decembro a partir das 16.30 horas; mentres que o Apalpador virá ao día seguinte, coincidindo co Nadal, ás 11 horas no mesmo espazo. Pola súa banda, o 5 de xaneiro está programado un recibimento cos Reis Magos que chegarán ás 12.00 h ao peirao nas embarcacións tradicionais, como xa vén sendo habitual nos últimos anos. Pola tarde, en torno ás 17.00 h, sairá a cabalgata nun percorrido polas rúas do casco urbano.

“Choconadal” será unha das actividades novidosas deste ano, coa que o Concello de Bueu, en colaboración cos colectivos veciñais da zona, levará actuacións de maxia e unha xincana deseñada polo artista Josuha Xanbreo por diversos lugares, das que se poderá gozar na compañía dun rico chocolate de balde. A tarde do 23 de decembro será en Meiro, e a do 27 en Beluso, e o 30 en Cela.

Para rematar o ano, o Concello organizará unha festa infantil de fin de ano, que ter o 31 de decembro a partir das 12 horas e que contará coas actuacións do Mago Paco e de Peter Punk e unhas “badaladas miúdas”. E ese mesmo día, pola noite está prevista unha actuación da orquestra local Distrito 7, que se poderá ver entre a 01.00 e 03.00 horas.

Co obxectivo de ambientar os locais, os días 24 e 31 de decembro e 7 de xaneiro haberá cantos de taberna polas cafeterías; e a música tamén será protagonista das rúas ao longo de diversos días.

No ámbito deportivo, o 31 de decembro entre as 15 e as 18 horas desenvolverase unha carreira Silvestre en Bueu; o 4 de xaneiro programarase o 1º torneo futsal de Nadal 3 x 3 no que poderá participar a cativada de 8 a 12 anos; e o 7 de xaneiro organizarase o 1º torneo de pimpón, no que colaboran o CEIP Plurilingüe Montemogos, o IES Illa de Ons e IES Johan Carballeira.