Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programa FICBUEU: directo con Carne Cruda Radio

Cartel FICBUEU 2019

Evento xa rematado

Despois de varios anos acollendo a realización de programas especializados no eido cinematográfico, o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu concédelle á radio máis protagonismo ca nunca nesta duodécima edición, coa presenza de podcast e emisoras de ámbito estatal e autonómico. Espazos como Carne cruda, El séptimo vicio, Sala 5 ou El cine de loqueyotediga gravaranse ao vivo no transcurso do FICBUEU 2019, que tamén contará coa colaboración de Esta peli ya la he visto para a crítica diaria.

Carne cruda regresa a Bueu por terceiro ano consecutivo, desta volta cun programa dedicado integramente ao cinema polo que pasarán convidados coma o realizador Paco Plaza e a actriz María Vázquez, que presentarán a súa última película, Quien a hierro mata. Javier Gallego ‘Crudo’ entrevistará asemade ao recente gañador do Goya ao mellor actor de reparto, Luis Zahera, que vai recibir ademais o Premio Cinema Galego FICBUEU 2019. A banda feminina Agoraphobia e Caspervek Trio encargaranse do apartado musical. Carne Cruda emítese online tanto na súa web como na de eldiario.es e será o único dos espazos radiofónicos para o que haberá que mercar unha entrada, que ten un custo de 5 euros e que xa se pode adquirir en www.ficbueu.com/entradas, aínda que os oíntes produtores do programa accederán de balde.

Carne cruda realizarase o domingo 8 de setembro ás 17.30 horas no Centro Social do Mar, mentres que o resto de programas se gravarán tamén con público en directo no Punto de Encontro  do festival, ubicado na Sala de Exposicións ‘Amalia Domínguez’.