Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programa Festas do Carme

O Concello de Bueu organiza do 10 ao 17 de xullo as Festas do Carme, que incluirán unha extensa e variada programación na que se poñerá en valor a historia e a cultura mariñeira da vila para todos os públicos.

Como antesala das festas, o 10, 11 e 12 de xullo desenvolveranse no Estaleiro de Purro entre as 11 e as 13 horas uns obradoiros artísticos mariñeiros a cargo de Tino Resille, e nos que a cativada coñecerá a arte do mar.

O 13 de xullo será a XIII Travesía a Nado pola rexeneración da praia de Pescadoira, organizada polo Club de Atletismo Corredoiras e o Concello de Bueu, unha proba deportiva que pretende poñer o foco na reivindicación pola recuperación deste areal urbano. Como xa é habitual, haberá tres saídas con diversas distancias: unha dende Ancoradouro con 7500 metros, outra dende Mourisca con 4000 metros, e a última dende Beluso con 1500.

O 12 de xullo, ás 20.30 horas será a inauguración da exposición “Orgullosos do noso” do fotógrafo bueués Salvador Santos ‘Charry’. Esta mostra, que se poderá ver na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, recolle unha panorámica dos e das deportistas de Bueu que colleitaron éxitos e premios nas diversas disciplinas, como fútbol, taekwondo, natación, fútbol sala, hípica, tiro con arco, loita, remo etc.

Ás 22 horas, e como vén sendo habitual, a Coral Polifónica de Bueu organiza o XV Concerto “O Son do Mar” que se celebrará no Centro Social do Mar e no que participarán a Coral San Mauro de Barbadás, a Coral Bella Helenes de Pontevedra e a anfitrioa.

Pola noite, no exterior do Centro Social do Mar, a partir das 22.30 horas actuarán The Skarnivals no que será o derradeiro concerto da banda, e o remate da festa será con Yaya DJ.

O 14 de xullo, tamén no mesmo espazo, a verbena estará amenizada coa orquesta Furia Joven.

O 15 de xullo, o Estaleiro de Purro acollerá ás 12 horas a presentación do recente número da revista mariñeira Nova Ardentía, na que atopamos temas relacionados con Bueu, coma unha extensa reportaxe – entrevista “Mörling a través dos ollos de Chefa: un recoñecemento necesario”, que asina o investigador bueués José Manuel Dopazo Entenza, ou a de Arturo Sánchez Cidrás titulada “Náufrago: Manuel García Pereira, ‘Bobby’ para os amigos”. Precisamente, no acto participarán os dous autores, ademais de Emilio Xosé Ínsua, coordinador da revista, e Lidia Nieves Domínguez, presidenta da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos.

Xa pola noite, a verbena será coa orquesta Fuego no exterior do Centro Social do Mar.

O día grande será o 16 de xullo, festividade do Carme,  e no que se celebrará a tradicional procesión marítima e o espectáculo de pirotecnia. Os actos arrancarán xa a primeira hora da mañá, co pasarrúas ás 10.30 horas a cargo da Banda de Música Cultural de Barro. Ás 12 horas será a misa na honra da Virxe do Carme co Coro de Cela-Lestonnac na Igrexa Parroquial de San Martiño, onde haberá alfombras florais realizadas polo Colectivo Independentes xunto coa Asociación O Pampillo de Castropol, seguida de procesión ata a lonxa. Xa pola tarde, os oficios relixiosos serán na Lonxa coa música da Coral Polifónica de Bueu e un baile á Virxe coa agrupación Peis d’hos. Xa despois arrancará a procesión marítima coa Banda de Música de Bueu. No espazo da contorna da Lonxa tamén lucirán tapices florais elaborador por Cunchas e Flores con alfombristas de Rianxo, Ames, A Estrada e Ponteareas.

Pola noite, a partir das 22 horas, haberá festa coa orquesta Platinum e a media noite, gran espectáculo pirotécnico que se lanzará por primeira vez dende o mar e que se poderá ver dende a praia da Banda do Río.

O 17 de xullo, coincidindo coa festividade das Dores, está programado un pasarrúas coa charanga Fanfarria Furruxa. Ás 12 horas, a Libraría Abrente organiza a actividade “Universo de contos: mar” na zona da Banda do Río. Á mesma hora, na Igrexa Parroquial de San Martiño celebrarase a misa solemne na honra da Virxe das Dores cantada pola Coral Marusía. E a xornada culminará ás 21 horas cunha verbena co Grupo Galia.

Ademais, do 12 ao 17 de xullo a zona das Lagoas acollerá atraccións para os máis pequenos e pequenas.