Programa de dinamización nas bibliotecas «Ler conta moito»
Evento xa rematado
-
Inicio
16 abril, 2024
6:00 pm -
Fin
22 abril, 2024
7:00 pm
- As actividades desenvolveranse o 16, 18 e 22 de abril nos espazos das bibliotecas de Bueu, Cela e Beluso
O Concello de Bueu, a través da concellaría de cultura e bibliotecas, participa no programa “Ler conta moito” co que se dinamizará a lectura a través de actividades variadas e atraíntes para a cidadanía, e que ten lugar coincidindo coa efeméride do Día do Libro, que se celebra o próximo 23 de abril.
O programa, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, estenderase durante tres días deste mes en diversos espazos municipais das tres parroquias. Así, a primeira das actividades será “Zapatiños de cartón e a carta dos bosques” de Anxo Moure, da que se poderá gozar o próximo 16 de abril ás 18 horas na Biblioteca Municipal de Cela. Nesta obra, destinada á rapazada de 0 a 15 anos, coñeceremos a “Zapatiños de cartón”, o avó do Carballo con Botas, quen chega á biblioteca portando unha carta dos bosques para que as nenas e os nenos aprendan a camiñar polas historias para coidar da terra que gardan os libros. A través dela búscase transmitir que a través dos libros se pode chegar a unha gran cantidade de universos e mundos posibles.
A seguinte será o 18 de abril, ás 18 horas, e neste caso terá lugar na Biblioteca Municipal de Beluso. Inma Soto trae “Xela, a superheroína de aldea”, unha proposta para nenos e nenas de 4 a 9 anos sobre a nosa natureza, que pon en valor os recursos que temos e busca que as persoas miúdas queiran coidar do territorio.
O programa rematará o 22 de abril coa obra “Menú máxico de contos”, de Cris de Caldas, que se poderá ver a partir das 18 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar de Bueu. Nesta obra sorprenderase ao público cunha proposta culinaria de contos, con adiviñas e roliños de poesía con salsa agridoce, contos diversamente necesarios e outros contados a baixa temperatura.
Carmen García, concelleira de cultura, mocidade e bibliotecas, salienta que “estas actividades buscan dinamizar as bibliotecas como lugares de encontro, ao tempo que se achegan ás novas xeracións”. A idea da concellaría é continuar con este programa no mes de xuño a través dunha nova rolda de propostas.
A información sobre as actividades pode consultarse completa na web de Ler Conta Moito.