Programa de actividades Día Internacional das Mulleres
Evento xa rematado
-
Inicio
8 marzo, 2023
Evento todo o día -
Fin
14 marzo, 2023
Evento todo o día
- O Concello organiza un recoñecemento público a Raquel Álvarez Martínez, veciña bueuesa que vén de ser galardoada nos VII Premios Sofía Novoa con Perspectiva de Xénero da Deputación de Pontevedra
- Haberá ademais concentración feminista, cinema, presentación dun libro e recital poético, obradoiros e contacontos para público adulto
O Concello de Bueu presenta a programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha data na que “debemos seguir poñendo de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e que a educación é un dos piares fundamentais para seguir visibilizando as mulleres nos diversos eidos e avanzar como sociedade”, en palabras de Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social.
O programa iniciarase o mesmo 8 de marzo pola tarde, e concretamente ás 19 horas está previsto no salón de plenos da Casa do Concello un acto de recoñecemento e coloquio con Raquel Álvarez, veciña galardoada nos VII Premios Sofía Novoa de perspectiva de xénero da Deputación de Pontevedra, polo traballo de fin de mestrado “O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil”. Álvarez Martínez ofrecerá unha charla sobre este proxecto, que é unha intervención baseada na simbiose destes instrumentos e xéneros como metodoloxía idónea para abordar as cuestións de xénero e promover a igualdade en 5º de Educación Infantil. A continuación, ás 20 horas, terá lugar a concentración feminista na que se dará lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data, e na que se mostrará a preocupación ante oaumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres, a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo,a declaración avanza “o firme compromiso para continuar, dentro das nosas competencias, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres”.
O 10 de marzo presentarase na Sala Multiusos do Centro Social do Mar o libro Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero de Marta Dacosta, no que tamén está previsto un recital poético coa poeta bueuesa Lucía Novas e un grupo de alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu. Así fala Penélope é un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís. A proposta é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un relato comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.
Ese día, ás 21 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar proxectarase o filme The Assistant, da man do Cineclub Bueu, con entrada de balde ata completar capacidade. O filme conta a vida de Jane, graduada universitaria e aspirante a produtora de cine, quen consegue un traballo aparentemente ideal pero rapidamente é sometida a abusos na súa xornada laboral, descubrindo un sistema machista que violenta continuamente as mulleres.
Neste programa, o 11 de marzo a cidadanía poderase gozar de “8(M)ulier”, un contacontos de Trémola Teatro para público adulto, que se desenvolverá 21.00 horas no Centro Social do Mar, tamén con entrada de balde. Neste espectáculo reflexiónase sobre os contos tradicionais conversando co público a través de preguntas como “Que pasaría se reinventásemos un conto tradicional? Se as princesas xa non necesitaran ser salvadas? E se fose necesario reverter o feitizo?” 8M(ulier) reivindica a figura da muller a través de contos, cancións e poemas, nunha viaxe que non deixará indiferente a ninguén.
E o 17 de marzo, o Club Golfiños celebrará a súa gala VI Homenaxe Bueuesa Senlleira, na que homenaxearán ao colectivo das farmacéuticas na figura de Carmen Outeda.
Actividades para os centros de ensino
Así mesmo, o Concello programará diversos actividades sobre igualdade de xénero destinadas ao alumnado dos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria. Dunha banda, “Xogando sen xénero” vai destinada aos de primaria, e os nenos e nenas poderán gozar de xogos populares sen cores nin sexualización con xogos de todos os tempos para ser libre e respectar a diversidade das persoas. A actividade desenvolverase o 8 e 10 de marzo entre as 11 e as 13 horas na Praza Massó.
Para os niveis de secundaria proponse unha experiencia de pintura urbana tamén na Praza Massó con Asun González e Franck Sastre, que levan máis dunha década pintando xuntas en moitos espazos e que desenvolverán un mural coa temática da igualdade o 8 e 10 de marzo entre as 17 e as 18 horas.
Xornadas gastronómicas en feminino
O Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila, coa colaboración da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo), organizan do 8 ao 12 de marzo as “I Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa para poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de trece locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Bea Sotelo, unha cociñeira natural da comarca do Morrazo que conta cunha Estrela Michelín e que é todo un referente a nivel culinario, e que destaca polo seu labor de visualización da muller na cociña.
A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca. Tal e como salientan dende a organización, “o que buscamos é sacar ás mulleres das cociñas de Bueu fóra e poñerlles cara, que saían da invisibilidade”.
Os locais que participarán son Buena Vibra, Casa Benito, Noite Tapas, O Ratiño Pequeno, La Zarzamora, Pyramis, Vinoteca A Cepa, A Centoleira, Esmorga, Aturuxo Bar, Morriña, Restaurante Casa Quintela e O Farol, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Bea Sotelo.