Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Programa 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

Evento xa rematado

  • O 8 de marzo terá lugar unha concentración feminista ás 12.00 horas na Praza do Concello
  • O Concello organiza un recoñecemento público á científica bueuesa Isabel Pastoriza Santos, quen recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021

O Concello de Bueu presenta a programación con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, unha data na que “debemos seguir poñendo de manifesto que a loita feminista debe ser de todas e todos, e que a educación é un dos piares fundamentais para seguir visibilizando as mulleres nos diversos eidos e avanzar como sociedade”, en palabras de Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade e benestar social.

O programa iniciarase o mesmo 8 de marzo, coa concentración feminista que se celebrará ás 12.00 horas na Praza do Concello e na que se dará lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data. Xa o 11 de marzo continuará o programa coa homenaxe “Bueuesa Senlleira” que promove o Club Golfiños e que este ano recae en Aurita Reiriz Otero. O acto, que se celebrará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, recoñecerá o traballo desta muller como fareira da Illa de Ons e tamén lembrará que foi unha das últimas tocadoras da pandeireta do noso municipio. A homenaxe do Club Golfiños súmase á que xa lle fixera o Concello de Bueu o pasado verán ás pandereiteiras da Illa de Ons.

E como un dos eixes prioritarios de actuación é a cativada, o sábado 12 de marzo está prevista ás 18 horas no Centro Social do Mar a obra de teatro infantil “Conversas con Tana”, un espectáculo destinado a nenos e nenas de 5 a 12 anos, que conta a historia dun granxeiro e a súa cadeliña Tana que manteñen unha fluída e divertida conversa na que reflexionan, con humor e sensibilidade, sobre cuestións relacionadas coa igualdade de xénero, o fomento do hábito lector, o coidado e respecto polo medio ambiente, a saúde etc.

Na canle de YouTube do Concello de Bueu e nas redes sociais do Concello difundirase un novo episodio das “Cápsulas de igualdade”, unha serie de audiovisuais de curta duración elaborados cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, e que completará as xa publicadas o ano pasado con motivo do 25 de Novembro, Día Internacional Contra as Violencias Machistas. Nesta entrega, as profesoras de economía da USC Eva Aguayo Lorenzo e Nélida Lamelas Castellanos abordan conceptos como «división sexual de traballo», «modelo de familia nuclear», «teito de cristal», «chan pegañento» e «segregación horizontal e vertical», e propoñen repensar a economía para que se poñan no centro a vida e a súa sustentabilidade.

A parte audiovisual será moi protagonista este ano, e por iso, coa colaboración do Cineclub Bueu, proxectaranse no Centro Social do Mar dous filmes de temática feminista: “Hive”, dirixida por Blerta Basholli, poderase ver o 12 de marzo ás 20.00 horas; mentres que o documental “O retorno: a vida despois do ISIS”, de Alba Sotorra, proxectarase o 25 de marzo ás 21.00  horas.

Así mesmo, o Concello programará diversos obradoiros sobre igualdade de xénero destinados ao alumnado dos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria.

Recoñecemento a Isabel Pastoriza Santos

Xa a finais de marzo, concretamente o sábado 26, o Concello organizará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar un acto de recoñecemento público a Isabel Pastoriza Santos, quen recibiu o Premio á Excelencia Investigadora 2021 outorgado pola Real Sociedad Española de Química. Esta distinción insírese dentro dos galardóns que a RSEQ entrega todos os anos, e cos que tamén recoñece noutras categorías a novas e novos investigadores, unha carreira distinguida, a tarefa educativa e divulgativa de docentes de ensino preuniversitarios e colaboracións con outras sociedades.

Xunto ao resto das e dos integrantes do seu grupo de investigación, a docente e investigadora da UVigo e veciña de Bueu traballa neste intre en diferentes proxectos que teñen en común que se centran no deseño e fabricación de nanomateriais funcionais para o desenvolvemento de sensores ultrasensibles para ser empregados, tanto no eido ambiental, coma no da nanomedicina.