Presentación revista Ligeia
Evento xa rematado
-
Data
22 septiembre, 2018
-
Hora
12:00 pm - 1:30 pm
-
Sala Amalia Dominguez Búa
Eduardo Vincenti, 2 36930 - Bueu
A Sala Amalia Domínguez Búa acollerá o 22 de setembro, ás 12.00 h, a presentación da revista Ligeia, acto no que intervirán os seus promotores, Tamara Andrés e Marcus Daniel Cabada, nun acto organizado por Daniel Chapela e no que colaboran o Concello de Bueu e a IXP Ribeiras do Morrazo.
A proposta editorial Ligeia créase desde a cidade das pontes, a súa definición á vez máis específica e xenérica. Preténdese a través desa canle dar continuidade a un espírito perdido, aquel que procura conxugar e divulgar os pensamentos emanados desde o máis local ata o máis universal, que chegan aquí para nutrirse de forma recíproca ata diluírse. Ligeia defínese libre, independente, plural, apolítica. Gústanlle as propostas que enraícen uns alicerces poéticos, estéticos e morais. Podería ser unha estatua, talvez, ou algo máis ben etéreo, incorpóreo. Ninguén o sabe aínda. Mais o certo é que posúe nome de muller, que provén doutro tempo e que ten unha cadencia lenta mais firme, contundente. Que lle gusta pasear pola beira do río para contaxiarse da frescura. Que existe para aprender. Aqueles que algunha vez puidemos contemplar a riqueza de todo o seu contido sentimos a necesidade de desvelar todo o que ela concentra. Estea onde estea, lady Ligeia ofrécenos a súa identidade para facernos lembrar o que sempre debería ser noso: valores tan sinxelos como a curiosidade, a xenerosidade, a sinxeleza, o bo facer común. Nós tan só chegamos aquí seguindo a súa pegada, aquela que deixa diante de toda persoa que deveza invocala.