Presentación libro: «Que hostia din os rumorosos?»
Evento xa rematado
-
Data
23 agosto, 2021
-
Hora
8:00 pm - 10:00 pm
-
Praza Massó
Praza Massó, s/n, 36930, Bueu
A Libraría Miranda organiza o 23 de agosto a presentación do libro Que hostia din os rumorosos?, que terá lugar ás 20.00 h na Praza Massó. No acto estarán presentes Antón Reixa, Manuel M. Romón, Alberto Avendaño, Menchu Lamas e Antón Patiño.
SINOPSE: VOLVE ROMPENTE. Entre 1976 e 1983, Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria rompedora en Galicia que comezou chamándose Grupo de Resistencia Poética e desembocou no que marcaría as súas vidas: O Grupo de Comunicación Poética Rompente. Publicaban poemas con aquela técnica de impresión coñecida como «vietnamita» e multicopias con clixés. Eran, en doses inexactas, un chisco «beat» e un chisco guerrilleiros. Avendaño, Reixa e Romón fundaron Rompente Edicións e publicaron «Silabario da turbina» (1978) e «A dama que fala» (1983). En 1979, a serie Tres Tristes Trigues vería a publicación de 3 libros de autor: «As Ladillas do Travesti» (Reixa), «galletas kokoshka non» (Romón9 e «Facer Pulgarcitos Tres» (Avendaño). Logo, reecontraríanse na antoloxía poética «Upalás» (1998). Facían «performances» e estaban obsesionados coa linguaxe «multimedia». Subíanse a escenarios con músicos como Julian Hernández (antes de que se fundase Siniestro Total), e colaboraban con pintores como Menchu Lamas e Antón Patiño para visualizar a súa expresión poética. Hoxe, uns 40 anos despois, teiman na poesía e volven dirixirse a palabra aínda que seguen falando sós.