Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Presentación libro: «Lapis na noite» de Ramón Nicolás

Evento xa rematado

A Biblioteca Municipal Torrente Ballester acolle o 18 de outubro, ás 20.30 h,  a presentación do libro Lapis na noite, do crítico e profesor Ramón Nicolás, quen estará acompañado das poetas bueuesas Lucía Novas e Míriam Ferradáns. O acto está organizado pola Libraría Miranda.

SINOPSE: Lapis na noite bebe no pozo da memoria de Galicia e Arxentina para percorrer épocas convulsas en que as ditaduras aniquilan as ilusións de liberdade, aquén e alén do océano. Achégase ás vivencias do exilio, revela as descubertas que supón o descoñecido e afonda no esgazamento interior que xera mergullarse nunha nova identidade. Ao tempo, focaliza a atención nas vidas e familias truncadas polo franquismo e, sobre todo, naquelas que protagonizou unha mocidade combativa e esperanzada que, por acreditar nun mundo mellor, caeu nas gadoupas da maquinaria represiva da ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983).Porque a memoria do que os lapis escribiron nunha noite indigna segue viva e aínda nos ilumina, é este un libro que quere pasar a man por algunhas das cicatrices máis recentes dunha historia pola que circulan numerosos ríos subterráneos que, ao saíren á superficie, amosan un caudal conformado por pequenos e grandes exemplos de heroísmo, amor e resistencia.