Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Presentación libro: «Brinde e desespero» de Miguel Sande, gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía

Evento xa rematado

  • O acto terá lugar o próximo 22 de febreiro ás 20.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e nel acompañarán ao autor Fran Alonso, director da editorial Xerais e Xosé Leal, concelleiro de cultura

O Concello de Bueu organiza o próximo 22 de febreiro a presentación do libro Brinde e desespero, o poemario co que Miguel Sande gañou o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía. O acto terá lugar ás 20.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar e contará coas intervencións de Miguel Sande, autor do poemario, Fran Alonso, director de Xerais, e Xosé Leal, concelleiro de cultura.

O libro, publicado pola editorial Xerais, constrúese coma unha observación distinta dos lazos familiares utilizando a palabra en vez do bisturí para extirpar un sentimento. Esoutra visión do amor na madurez como nunca se dixo antes. O ollar, coma un obxectivo, a enfocar os detalles máis cotiáns que temos diante e, en tantas ocasións, non nos decatamos. Un brinde pola imposibilidade. O desespero como algo doce na nosa inmobilidade.

Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) é escritor e xornalista. Como narrador publicou Se algún día esta muller morta (2006), Premio Repsol; A vida fóra (2011), e A candidata (2016), Premio García Barros, e O negociador (Xerais, 2022), finalista do Premio Xerais de Novela 2021. Na poesía destaca o libro Os filósofos xa non brindan con cicuta (2019), Premio Afundación e Brinde e desespero (Xerais, 2023), Premio de Poesía Johán Carballeira. Como dramaturgo é autor de Á alba pide comigo vivir (1986), finalista do Premio Calderón; Ninguén chorou por nós (1999), Premio Rafael Dieste; 39 veces chao (2002); Elas, que din (2005), finalista do Premio Nacional de Teatro, e A enterradora (2018), Premio Nova Dramaturxia Galega.