Presentación libro «Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero» de Marta Dacosta
Evento xa rematado
-
Data
10 marzo, 2023
-
Hora
8:00 pm - 9:00 pm
-
Centro Social do Mar
Rúa de Montero Ríos, 36930 Bueu, Pontevedra
No marco da programación do Día Internacional das Mulleres, o Concello de Bueu organiza o 10 de marzo a presentación do libro Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero de Marta Dacosta, no que tamén está previsto un recital poético coa poeta bueuesa Lucía Novas e un grupo de alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu. O acto será ás 20.00 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.
Así fala Penélope é un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís. A proposta é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un relato comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.