Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Presentación libro: «A casa sen nós» de Xaime Toxo

Evento xa rematado

A Libraría Miranda e o Concello de Bueu organizan o 9 de agosto ás 20.30 h a presentación d’ A casa sen nós, poemario do autor bueués Xaime Toxo publicado por Edicións Laiovento. No acto, que se celebrará na Sala Domínguez Búa, acompañarán ao autor Arturo S. Cidrás, Francisco R. Pastoriza e Carmen Quinteiro.

SINOPSE: Unha casa enfronte do mar, bañada pola marusía nos días de temporal, dúas plantas, un patio, unha escaleira e un corredor que é columna vertebral dun organismo que palpita, que respira, que se move.

A casa encolle de frío os días de néboa e chuvia, cun ruído de abismo nas almofadas e tremor de follas nas contras; agrándase os días de calor luminosa que bate contra a fachada, cando abro as ventás e esa forza prodixiosa que é o espazo sen límites esperta en min unha enerxía de raíz sementada, e berro os nomes que configuran unha das eternidades conscientes que podo sentir, a respiración dun intre único.

É doado intuír que a casa existiu, que me habitou moito máis que eu a ela. A orfandade que deixou, que son moitas orfandades, permanece, están no texto; en cada unha das palabras e signos, nas dúbidas, nas convocatorias e chamadas, nas ausencias que abundan, na breve luz que nace sempre a carón dunha sombra, como nas catedrais.