Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Presentación «Bea á procura da luz»

Evento xa rematado

A Deputación de Pontevedra, a Coordinadora Galega de ONGs, Agareso e a Iniciativa Mesoamericana de mujeres defensoras de derechos humanos organizan, coa colaboración da Libraría Miranda, a presentación do libro «Bea á procura da luz» e unha conversa coa activista salvadoreña Verónica (Bea) Salazar, que terá lugar o 18 de outubro ás 20.30 horas na Sala Multiusos do Centro Social do Mar.

A visita de Verónica Salazar «Bea» enmárcase dentro dos esforzos que están facendo as ONGD galegas por dar a coñecer a realidade que viven as mulleres defensoras de dereitos humanos nos distintos países nos que traballan. En moitos dos países nos que traballamos as organizacións da sociedade civil e as súas lideresas están a ser cada vez máis perseguidas e están sufrindo cada vez máis ameazas. No caso das mulleres activistas a situación é peor que a dos seus compañeiros homes pois enfrontan ademais da persecución outras agresións pola súa condición de mulleres como como a violencia sexual, abuso e hostigamiento sexual.

Ademais, estas visitas contribúen a sensibilizar á sociedade galega sobre os dereitos das mulleres noutras partes do mundo, por exemplo en O Salvador, onde os dereitos das mulleres están especialmente restrinxidos.

Bea traballa para organizacións feministas en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e violencia contra as mulleres, tamén na defensa do dereito ao aborto. Desgraciadamente O Salvador é un dos países máis complicados no que ten que ver con violencia contra as mulleres e ademais conta cunha das leis contra o dereito ao aborto máis restritivas do mundo, por iso o traballo de Bea é tan valioso. No Salvador o aborto en todas as súas modalidades está penalizado desde 1998, co que se castiga ás mulleres con ata 50 anos de prisión e 12 ao persoal sanitario, con todo o que isto supón sobra a vida das mulleres e particularmente das mulleres máis pobres.